Balboa dá voz aos muxiáns

MUXÍA

MARCOS MÍGUEZ

O autor presentou o libro «Relatos dunha vila mariñeira»

30 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«É da estirpe dos bos e xenerosos», dicía onte Xosé Ramón Freixeiro Mato, falando de Antonio Balboa (Muxía, 1944), que presentaba o seu último libro Relatos dunha vila mariñeira (Edicións Fervenza). Dicía isto Freixeiro porque o autor está emparentado con xentes das letras galegas, como Gonzalo López Abente ou Eduardo Pondal Abente. Tamén lembraba como el fora profesor de Balboa na Universidade Sénior, onde «era un dos alumnos que aprendía, pero tamén ensinaba». Para Freixeiro Mato, autor do limiar do libro, «Muxía é como ese paraíso da infancia que Antonio Balboa recupera nestes relatos». Neste senso apuntou que o contido da obra son historias «que teñen unha grande capacidade emotiva» e evocou os relatos de Cunqueiro «que tanto admira» este escritor.

Para José Luis Vilela, director de La Voz de Galicia, «nesta obra non hai máis que cousas bonitas de coñecer e lembrar» e por iso concordou co que di no limiar Freixeiro de que farán felices aos que as lean. Tamén lle puxo «deberes» a Balboa: «Este libro é só un prólogo porque ten que contar moitas historias íntimas que el coñece e seguro que hai máis personaxes».

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientou o feito de que este sexa o primeiro libro en galego do autor, «porque o sistema literario galego necesita de todo tipo de achegas».

Balboa falou dalgúns dos 25 relatos deste libro, con personaxes reais e outros inventados. Dos primeiros están O aviador «que vivía cerca de Quintáns», e cando lle deron un motor fixo un avión, saíu nel pola fiestra da casa, esnafrouse «e tivo que ir o médico atendelo». Outro era O maduro que poñía medo as beatas.