Patrimonio

Carlos Fernández Coto

MUXÍA

12 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

OMuseo do Pobo Galego fervía o pasado sábado día 3 cando case tódalas asociacións galegas relacionadas co patrimonio cultural ou natural planificaban un espazo común de debate, libre de ideoloxías e libre de liderados, pero cun obxectivo común: defender o legado histórico galego.  Todo comezou en outubro cando sete asociacións tiveron o primeiro contacto nunha xuntanza inducida polo cabreo que había tralos frecuentes episodios de ataque a diversos patrimonios -sobre todo ao arqueolóxico- en distintos lugares do país. Ese xerme inicial durou sete intensos meses, de traballo e de converxencia de ideas, de pulir as distintas visións dun mesmo obxectivo, que todos tiñan claro.  Tralo consenso acadado nun documento chamado «declaración conxunta», foron convidadas tódalas asociacións do territorio, chegando o interese a máis de cincuenta colectivos que foron convocados a un acto fundacional, tamén de organización.

Dende A Guarda ata Ribadeo, dende Verín ata Muxía, defensores dos castros, dos petróglifos, dos xogos populares, da natureza ou da lingua deseñaban o pasado día 3 unha ferramenta de traballo común, en rede, que permitise varios fins.Será un instrumento de axuda para a difusión das actividades de todas as asociacións,pero tamén para promover accións e campañas en defensa do noso patrimonio cultural en ámbitos institucionais, sociais e territoriais aos que a cada unha destas entidades, por si soas, lles resulta difícil acceder. Con todo, as case sesenta entidades seguen mantendo a súa independencia coa que se uniron á Rede.