Os gardiáns das palabras e dos xeitos

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Unha socia de Apatrigal recompilou centos de verbas e expresións que se falan por Muxía

23 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Existen expresións e palabras que se van perdendo coa forza do tempo. Que fan relación a costumes, tarefas domésticas, trabalos no campo ou relacións persoais que xa non se usan ou que van camiño de desaparecer. Carme Toba, de Muxía, unha das fundadoras da Asociación pola Defensa do Patrimonio de Galicia (Apatrigal), que preside o arquitecto Carlos Hernández Coto, encargouse de xuntar preto de medio centro de verbas e expresións que se falan por Muxía e entorno, agrupadas en trece bloques temáticos, e agora é a entidade a que lle dá difusión.

Non se trata de falares exclusivos de Muxía. Pode que algúns ou moitos si, pero non todos. De feito, son bastantes os que se manteñen noutros puntos da Costa da Morte ou doutros puntos de Galicia. Os ríos da fala non entenden de fronteiras administrativas, e co paso dos séculos igual que se foron estendendo, tamén se van perdendo. O que Toba aprecia é a singularidade de cada caso, os risco de que o seu uso vaia a menos e acabe por esmorecer, e que xunta grazas ao que lle van contando as persoas dunha certa idade que aínda as manteñen.

Temas de labranza e dos seus apeiros, de animais; de arquitectura e de territorio; das relacións entre a relixión, o místico e o musical; o tempo, a sexualidade e a picardía ou o aspecto biolóxico que a envolve; as alusións a determinadas persoas; os xeitos e costumes; enseres da casa, da louza e do lar; as herdanzas e a xustiza, tan relacionadas co dereito común galego; as enfermidades, as partes do corpo... Todos estes pequenos universos, que son os que lle daban sentido á vida rural, tiñan un léxico rico. «Todo isto forma parte do patrimonio inmaterial dunha zona, tanto expresións como palabras antergas das xentes forman parte das vivencias e do día a día», sinala Toba.

Coto destaca que en Apatrigal hai profesionais de diversas materias (arqueoloxía, antropoloxía, arquitectura...) que permiten contextualizar e fixar con precisión moitos dos temas que van abordando.

Algúns dos centos de termos e expresións sistematizados

 

 

Mexar por fóra da vasenilla: dise da persoa que desvaría, que di cousas incoherentes ou que non veñen a caso. Cagar na mazaroca: meter a pata. Meter o óso no pote: copular. Cargar pa Pontevedra: cheo a tope. Dese carneiro non rapas outra lan: afán en aproveitarse de algo única e exclusivamente unha vez, por non ter máis oportunidades de facelo.

Vai cos da feira e vén cos do mercado: persoa sen personalidade que tanto vai con uns coma cos outros. Bótalle o can no rastro: cousa que se perdeu e non se pode recuperar aínda que se intente. Asubíalle aás barbadas: algo que se foi ou que se perdeu e non se pode recuperar aínda que se intente. «Arnagado» sea o demo: escorrentando aos demos cando se ve ou percibe algo sen xeito, fóra de lugar ou absurdo. Non hai can que non mexe a parede: expresión que se fai cando alguen innova nalgo e a corrente de xente séguelle atrás. Todos queren facer igual. Non queren ser menos. Envexa.

Dar cadra: contar o acontecido.

Fol de veneno: persoa mala, animal malo. A mellora pola vella: consta do 50% para o amellorado e do outro 50% a repartir en partes iguais entre todos os herdeiros (incluído tamén o amellorado).

Sepostallo: soporte de quita e pon que remata pola parte de riba en forma de horquilla co fin de sostela cabezalla para que descansen os animais que van ao carro. Caínzo: táboas de madeira que se colocan na volta dun carro para que non caia a herba, gran, leña ou o que se leve. Rastrallos: rastrollos, lixo vexetal, lixo procedente de herba, polas, follas...

Chavella: peza que atravesa o xugo. Pioga: peza do carro. Aseirón: asas ou cestos que levan os burros no arreo. Arreo: peza que leva o burro no lombo para cargar leña, herba, millo... Xoio: herba de heno. Cabezalla: parte dos carros onde engancha co tractor ou co xugo. Esbillocado/esmillocado: gran, millo, fabas, centeo que teñen furados ou que teñen o bichoco dentro. Chota: rolo de esterco. Decruar: primeira labra a un terreo. Dobla: peza do carro. Galga: freo do carro.

Grañón: Cabalo grande ou persoa brava e falsa. Cabirta/o: cabra. Goño/goñiño: porco ou porquiño. Xovellas/xovellos: ovellas. Bichoco: bicho, insecto que non voa. Guedellas: zarrallas, la moi grande e moi porca. Dise das guedellas das ovellas. Cusquelo: cadelo ou can pequeno. Costro: leite calostro. Cordear: levar un animal pola corda e que responda a ela, que non free cando se tira.

Carvaliza/ cravaliza: Cuadra de esterco onde dormen os animais. Cañeira: curro, corral. Pexados/poxados: poldras, pedras colocadas en ringleira para poder pasa-lo río sen mollar os pés. Cornecho: esquina, anaco. Recostiño: terreo supite ou costento que vai xirando cara a dereita ou esquerda. Barrasqueiro: barral, terreo ou terra con barro. Cadullo: treito dunha leira. Borde dunha leira, que non hai froito, é coma un camiñiño para pasar a xente sen danar a pranta. Arrueiro: horta arrimada a casa. Leira pequena na volta da casa. Galboio: pendello mal feito, feo, estreito e normalmente que non se integra na paisaxe. Chavolo pechado. Relleira: terreo costento.

Cavaduiro. Utensilio con dous picos ou dentes largos que se usa para arrincar chotas de esterco da corte. Rello: corda. Aguillón: vara cunha punta no extremo para picarlle aos animais, sobre todo vacas, para que anden ou non se desvíen. Cravillón: caravilla grande, potente e forte. Cravilla: caravilla pequena, lene e xeitosa. Varal: vara larga e delgada. Galla: dentes da urquilla, galleta ou cavaduiro. Eixada: apeiro que se usa para rosar o monte, cortalo toxo a rentes do chan. É parecida a un sacho ou legón, pero de forma máis cadrada en ancha. A parte coa que se corta o toxo vai un pouco afiada, xa que ten que cortar o toxo a rentes do chan. Buceira: aparello de metal, vimbio ou palla que se lle mete no fuciño aos animais para que non traben ou coman.

Apoloutar. Magrear, tocar moito a unha persoa con ou sen permiso dela. Asaído/asaída: persoa ou animal en celo. Saszón: celo. Animal ou persoa en celo. Garrear: pelexar, tamén acosar sexualmente. Porfasia: cona, xenital da muller. Criqueiro: mariconeiro, home afeminado. Pixota: membro viril. Espandearse: mover o cu, remexerse, insinuarse con afán de atraer a outra persoa ou animal. Conadunto: muller vulgar con aires refinados. Dise da muller bravucona con aires finos, rancia.