«Os nosos políticos deberían traballar xuntos para sacar Muxía da parálise na que está»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

ANA GARCIA

Amigos do ex rexedor Alberto Blanco, o «alcalde do Prestige», reuniranse o día 16 nunha comida homenaxe

05 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasou á historia como o alcalde do Prestige, e precisamente será no Parador de Muxía, a gran promesa da marea negra, onde a semana que vén se reúnan amigos e compañeiros para homenaxealo. Aínda que Alberto Blanco leva un tempo retirado, ten recordos moi vívidos do que supuxo aquela catástrofe para a Costa da Morte, e así o contou en Radio Voz.

—Como leva o de que as súas amizades se reúnan para homenaxealo?

—É algo que facemos case tódolos anos os amigos de sempre, pero nesta ocasión estrearemos o Parador, todo un símbolo creado para dinamizar a comarca.

—Durante os seus doce anos como alcalde diría que fixo máis amigos ou inimigos?

—Máis amizades, sen dúbida. Inimizades sempre se conseguen, pero son mínimas e circunstanciais.

—Hai que saber separar a política do apartado persoal, entón.

—Totalmente de acordo, aínda que ultimamente parece que se están mesturando demasiadas cousas.

—Como ve a política local de Muxía? Demasiada crispación?

—Si, entre outras cousas. Hai unha crispación que non é sa, aínda que ultimamente parece que se moderou un pouco. Agardo que se traballe niso e que [os diferentes grupos políticos] traten de arrimar todos o hombreiro para sacar o Concello da parálise na que en certo modo está.

—Pasar por algo como a catástrofe do Prestige, e ademais tan de cerca, diría que lle ensinou a ver a vida con perspectiva?

—A verdade é que pasamos un tempo con moitas preocupacións, porque era algo que descoñeciamos por completo. Pero, entre todo o que pasou, eu destacaría a solidariedade que espertou. Sobre todo entre a xuventude, que parecía apartada e illada da vida cotiá, pero que se portou.

—Vinte anos despois, cre que Muxía evolucionou como debería? O secado do congro estase perdendo, a frota desaparece, a xuventude marcha...

—A situación de Muxía véxoa con preocupación. Aínda que o sector do turismo mellorase e estea traballando ben, sobre todo pola súa profesionalización, hai outros que non están nos seus mellores días. É o caso do mar, si, pero tamén do agro. Creo que non se fixeron as cousas como se debería, porque é evidente que para fixar poboación fai falla que haxa inversión e que se xere riqueza, e sobre todo que as empresas se instalen en Muxía.

—Ten dito que o Prestige foi unha traxedia, pero que podía ser tamén unha fonte de oportunidades, como o Parador. Cree que realmente está servindo de catalizador para a comarca?

—Por suposto, Tardou, pero chegou. Está claro que aquelas cousas que teñen un matiz máis reivindicativo sempre queremos que veñan con axilidade, pero aquí o temos e creo que está facendo unha función importante no sector turístico.