«Na Fundación Pondal saben que poden contar comigo»

Á. palmou CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Ana Garcia

Participará nos actos deste domingo cantando un poema do escritor ao que puxo música o seu pai

08 mar 2017 . Actualizado a las 10:39 h.

«Eu nacín na pequena Ponteceso» din os versos que soarán este domingo no Couto con motivo do centenario da morte de Eduardo Pondal. Farano por boca de Alba Costa Pérez, unha inquieta colaboradora da Fundación Pondal que desde Oviedo, onde terminará este ano o seus estudos de Musicoloxía, mantén vivo os seus lazos coa entidade e coa súa vila natal.

-¿Como xurdiu este proxecto?

-É un poema de Pondal que musicou meu pai [Francisco Costa] e ao que lle imos dar estrea este fin de semana. O venres iremos a Luar e o domingo actuaremos na Fundación dentro dos actos do centenario. El está aprendendo a tocar o acordeón diatónico, pero lévalle moita idea e tamén lle gusta que eu o acompañe cantando, así que decidiu musicar eses versos.

-¿Sinte nervios agora que se achega a estrea?

-A verdade é que os nervios pódenme porque non é algo co que contaba, pero teño moitas ganas e moita ilusión. Cando chegue o día non mo vou crer.

-Xa ten cantado a Pondal e tamén a Rosalía noutras actividades da Fundación.

-Si, pero sempre foi na casa, así que agora teño máis nervios.

-¿Como marchan os seus estudos de Musicoloxía?

-É unha carreira moi teórica na que se estudan todos os tipos de música: desde a máis académica ata a máis urbana, e tamén a tradicional.

-¿Estudala ou cantala, que prefire?

-A min gústame máis cantala, pero nunca vén de máis coñecer o que podes cantar.

-Pese a distancia sigue vinculada á Fundación Pondal.

-Si, si. A verdade é que tampouco paro moito quieta en Oviedo e vou bastante á casa; en todo o que podo colaborar eles saben que poden contar comigo porque tamén me estiveron apoiando sempre desde o principio.

-¿Ten pensado musicar máis poemas co seu pai?

-Si, estamos traballando con algún poema máis de Pondal.