«Aquí imos facer falta todos»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

José Manuel Casal

Mudou a forma de ver a discapacidade, «pero temos que seguir transformando miradas», di o presidente de Íntegro, entidade que mañá festexará os seus 25 anos

19 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa queda pouco. Mañá, a asociación Íntegro celebra o seu 25.º aniversario. Na organización andan «a cen», pero Adolfo López Baña (Ponteceso, 1961), cabeza visible da entidade, di que confían en que todo saia ben: «Teño un equipo humano moi bo e uns traballadores moi implicados».

-¿Pensaba que chegarían aos 25 anos de asociación Íntegro?

-A verdade é que non. Nin tiñamos ese obxectivo nin nos plantexabamos que iamos chegar a eles, tamén porque aos tres ou catro anos de constituírse, os mozos empezaron a formarse e quedabamos eu e máis Silvestre Couto, co apoio do resto da directiva, claro. Non, non o pensabamos.

-Ten doble lectura: boa, polo que fan, mais igual non tan boa polo feito de ser aínda precisos.

-Aí está o tema. Oxalá as persoas con discapacidade estivesen tan incluídas na vida da comunidade que non fixesen falta entidades coma a nosa. Pero este, en realidade, tamén é un traballo da asociación, de traballar por iso.

-¿Onde percibe un maior cambio de conciencia, na sociedade, nas familias, nos propios usuarios?

-Nas familias e nas persoas con diversidade funcional vese, efectivamente, que houbo un cambio grande. Hai 25 anos non había esa amplitude de visibilidade da xente con discapacidade. Agora están estes centros que lle dan un respiro ás familias, e que ademais lle fan ver que son persoas insertables, por exemplo no mundo laboral. É certo que todo cambiou moito, pero temos que seguir transformando miradas. A sociedade mudou, pero ten que continuar facéndoo. O gran reto é a inclusión destas persoas en todos os eidos da vida, e aí está o Plan Estratéxico para Galicia 2015-2020, no que hai varias liñas, estratexias e actuacións. Cuestións como a accesibilidade ou a autonomía persoal tamén terán un papel importante no sentido de que axudarán a que o mundo rural non se nos esmoreza día a día. Teño claro que aquí imos facer falta todos.

-¿En 25 anos tivo algún momento de baixón, de pensar que non había forma de seguir ou de querer ter un papel menos activo, por dicilo dalgún xeito?

-Si que nalgunha ocasión me plantexei deixalo, sobre todo nunha época na que tiñamos como unha nube enriba de nós. Con respecto ao de ter un papel menos activo, si teño ganas, e igual sucede non moi tarde. Conseguín xa ter un equipo humano moi consolidado e bo, a maiores do resto de directivos da asociación.

-¿Están satisfeitos do que conseguiron, dos apoios logrados?

-A verdade é que estamos satisfeitos da colaboración de todas as Administracións e sobre todo dos gobernos locais. Os municipios son provedores de servizos e iso é un bo paso para unha entidade como a nosa. Nós prestamos servizos e eles están respondendo.

-¿Como viven os usuarios de Íntegro o feito de ter un traballo?

-Que eles vexan, por exemplo, que o centro ocupacional funciona porque hai demanda dos produtos que fan é toda unha alegría. Onde redunda o beneficio deses produtos é neles. É un pracer espertar, levantarse pola mañá e saber que tes algo que facer, que tes que ir traballar, coma calquera persoa.

-Unha vida o máis normalizada posible, polo que se entende.

-Efectivamente, iso mesmo.

-Íntegro vén de ser nomeado Bergantiñán do Ano polo Padroado Fogar. ¿Como reciben o premio?

-Recibimos ese título con moito orgullo, e unha satisfacción inmensa. Está, ademais, o feito de que coincida coa celebración destes 25 anos. É un espaldarazo á nosa entidade, un ánimo para seguir traballando. Poida que non conseguísemos grandes logros, ou grandes fazañas, pero si fomos pouco a pouco, cambiando a forma que tiña a sociedade de ver a discapacidade e os discapacitados.

-Houbo campañas peculiares, como aquela de cambiar copas por camisetas, para previr o alcol ao volante. ¿Como estamos hoxe?

-Chamabamos a atención sobre o feito de que o alcol, coma calquera outra droga, mata. Pode matarte a ti e a outros. A conciencia da xuventude neste sentido tamén mudou, foi a máis: hoxe escoitas moito iso de ‘eu hoxe conduzo’. Inflúen tamén outros factores, como o carné por puntos ou mellores infraestruturas. Segue habendo accidentes, con resultado de lesións medulares, pero non coma antes.

-¿Cal cre que foi o fito máis importante nestes 25 anos de traballo? ¿Que ve se mira atrás?

-Penso que o que máis nos marcou a todos foi o feito de ter un centro onde dar atención, ter unha ubicación. Vir para Nantón e que isto se fose enchendo de actividades, usuarios, situacións ás que se lle foron dando unha solución.

-Traballan moito cos nenos. ¿Como veñen as novas xeracións?

-Empezamos hai 25 anos coas campañas de lesións medulares nos colexios e neste tempo notamos un cambio de actitude. Ven ás persoas con discapacidade de ti a ti. Os escolares son os primeiros que te ven con igualdade. É parte da visibilización que vimos facendo, con éxito. Se cadra, o cambio de mirada é máis difícil nos adultos.