«Estou novo co corazón artificial»

VIMIANZO

José Manuel Casal

Hai un ano, os médicos do Hospital A Coruña colocaron o primeiro corazón artificial de Galicia, e con el, devolvéronlle un novo latido a Juan Carlos Agustín Espasandín

21 feb 2021 . Actualizado a las 12:00 h.

Hai un ano, Juan Carlos Agustín Espasandín non as tiña todas consigo. Con 38 anos e case sen folgos, sabía entón o que é sentirse descorazonado. De verdade. Agora, coñece ben canta vida regalan as segundas oportunidades. Hai agora un ano, os médicos do Hospital A Coruña colocaron o primeiro corazón artificial de Galicia, e con el, devolvéronlle un novo latido a este veciño de Vimianzo. É o único galego que pode dicir que ten un corazón de titanio.

-Hai xusto un ano da operación. ¿Como estamos?

-Estou novo. Hai un ano a cousa era ben distinta. Este foi un ano bo, moi bo, e moi cortiño, pasóuseme rápido. Os outros non se daban acabado, o tempo non daba pasado. Aínda fun hoxe (polo martes) ao hospital e está todo ben.

-Andar cun corazón mecánico no peito, ¿nótase?

-Nótoo en todo. Polo pronto, podo pasear. Podo chegar a camiñar dunha tirada dez quilómetros sen problema, e subo unha pendente coma calquera que estea san. Antes, nin pensalo, camiñaba moi pouquiño. Afogaba. Incluso de ánimo estou moito mellor porque, claro, encóntrome ben. O único problema é que non dou bebido todo o que me mandan os médicos, dous litros como mínimo ao día, porque claro, teño que comer sen sal (ri). Antes de que me operaran estaba sedento e non podía beber por culpa da retención de líquidos e agora teño que beber sen ter sede.

-Píntao todo fácil...

-Home, todo ten as súas complicacións, as súas vantaxes e inconvenientes. É verdade que tés que ter a cabeza moi colocada, porque hai que pensar que vives a conta dunhas pilas.

-¿E como é iso de manexarse co aparato?

-Para min xa é coma un membro máis da casa (ri). Manéxome moi ben con el, ten as súas baterías, as súas alarmas... Canto máis me movo, máis consume, pero dúranme catro horas sen problemas. Tivemos algunha pequena complicación, algunha avaría e incluso descubrimos cousas que nin se sabía que había, pero nada grave. Levo sempre unha batería comigo e máis o ordenador, pero aínda que o desenchufes, non tés problema. Por equivocación apagueino dúas veces, pero non pasou nada. Ademais teño un teléfono de contacto co Chuac as 24 horas do día. No hospital pórtanse xenial. Teño que darlle mil grazas ao equipo de cirurxía cardíaca e insuficiencia cardíaca do Hospital da Coruña. A min salváronme, de verdade. E que a xente vexa que se pode saír, dunha maneira ou doutra, e que se pode vivir.

-¿Entón, diría que volveu á vida normal? ¿Non se sente condicionado?

-O aparato en si non me condiciona, outra cousa é que te condiciones ti mesmo. Eu fago vida normal, coma antes. Se a muller vai de viaxe, a Coruña, Vigo ou Madrid, viaxo e damos unha volta. E no día a día pois levántome, dou os meus paseos... e tócame facer de chef (ri). Claro, a muller traballa, ten tenda, e a filla tamén. Teño tamén a miña nai, con 80 anos, que non estaba moi convencida co do corazón artificial, pero ao final, moi ben. Ela foi vendo que funciona, e veme ben, que fun mellorando... Agora tócame a min coidar un pouquiño de todos.

-O ano pasado, cando lle deron a alta no Chuac, vostede dixo que tiña ganas de volver ir pescar a Baio. ¿Xa foi?

-Non, non fun e iso que me chamaron da asociación... vou esperar. Da un pouco de respecto, que se che molle, que esvare ou caia... Imos esperar a estar transplantado.

-¿Mellorou da hipertensión pulmonar que lle impedía optar a un transplante?

-Levo un mes e uns días en lista de espera. A hipertensión pulmonar xa foi ao seu sitio. Xa son apto para o transplante. O que tiña que facer a máquina que levo dentro xa o fixo.

-¿Esperanzado?

-Non estou nun código de apuro e vanme buscar un corazón un pouco especial, á medida (ri). Non teño problema nin présa, con este estou adaptado e encóntrome ben, ¿que máis podo pedir? O transplante tamén ten as súas complicacións, hai a posibilidade do rexeite e esas cousas, pero tamén nos teremos que adaptar, coma fixen co corazón artificial. Terei que esperar seis ou sete meses... Aínda que o destino é un pouquiño caprichoso, ¡igual me chaman mañá!