Ponteceso e Vimianzo súmanse ao programa Apego

La Voz

VIMIANZO

Os Arrolos de Salitre porán música á adhesión de 11 concellos.
Os Arrolos de Salitre porán música á adhesión de 11 concellos. j. m. casal< / span>

Xestado nun curso de verán en Carballo, amplía horizontes

08 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O proxecto Apego, xestado no seo dun curso de verán de dinamización lingüística en Carballo, acaba de ampliar horizontes. Impulsado pola Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua (CTNL), nel, dende a firma do convenio de colaboración en marzo do 2015, participaban ata o de agora os concellos de A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo. Pasado mañá, no Centro Ágora de A Coruña, rubricarase a adhesión de 11 municipios máis. Hai dous da Costa da Morte, Ponteceso e Vimianzo, e logo están A Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Rianxo, Ribadeo e Teo. Serán así 23 concellos e as actividades, cun amplo seguimento e éxito, chegarán a máis dun millón de habitantes. O programa Apego está centrado na promoción e a transmisión da lingua galega aos máis pequenos. Na xornada do sábado actuarán Xabier Díaz e Guillerme Díaz, cos seus Arrolos de Salitre, e haberá tamén representantes de Carballo (Evencio Ferrero, alcalde), Vimianzo (Manuel Muíño) e Ponteceso (Carlos Penedo, concelleiro de Normalización).