«Amoso costumes que se van perder»

f. rodríguez / Á. P.

VIMIANZO

O Pazo da Cultura carballés acollerá a partir de mañá unha exposición dedicada aos maiores

23 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras ter pasado xa por Vimianzo e Malpica a exposición de fotografía Asunción María e José. Xente anónima con nome propio chega agora a Carballo. O seu autor é o carballés afincado en Cee, Marcos Rodríguez, colaborador de La Voz de Galicia e gañador de numerosos certames, desde o Xosé Manuel Eirís ata a Medalla de Prata da Copa do Mundo de Fotografía. Arteixo será a seguinte parada desta mostra que será inaugurada de xeito oficial mañá no Pazo da Cultura (planta -1) 20 horas. Poderase ver durante un mes, de 17 a 21 horas (luns a domingo).

-A mostra leva por título Asunción, María e José. ¿Falamos dunha homenaxe?

-Si, é unha homenaxe, pero o nome completo é Asunción, María e José. Xente anónima con nome propio. E o de xente anónima vén un pouco porque está dedicada á xente traballadora, da nosa terra, xente moi nosa, pero tamén esquecida. A todo o mundo lle chama moito a atención cando ve a unha señora co pano na cabeza, pero nunca se pregunta máis alá. O de Asunción, cae de caixón que é por Asunción Antelo, de feito está en varias das fotografías, e María e José é por unha parella de Santa Mariña (Camariñas) que foi cos que comezou todo.

-E cunha foto de María e José foi coa que gañou o premio Xosé Manuel Eirís no 2010.

-Si, exactamente, e de feito esa foto vai estar na exposición así que poderase ver dúas veces porque xa estaba colgada no Pazo da Cultura.

-¿Cando fixo as fotos xa pensaba en montar unha exposición con elas?

-A verdade é que sempre tiven gañas disto. Encántame a paisaxe e outro tipo de fotografías, pero gústame isto porque eu lembro ás miñas avoas como dúas persoas maiores, de loto rigoroso e co pano na cabeza, con mandil, etcétera, e ao avó que coñecín, con boina. E cando ao mellor te metes polas zonas máis rurais e te sigue atopando un carro de vacas de madeira, un señor con boina, unha señora cun pano, tradicións e xente que fai cousas a man, pensas é unha pena que isto se perda. Ruth Mathilda Anderson e [Ramón] Caamaño ten uns recopilatorios bárbaros, pero de fai moitísimos anos, e o que eu pretendo é mostrar a nosa realidade cos costumes que se van perder.

-Hai que achegarse a estas fotos para ver o que eramos.

-Si, porque ademais o que para nós é unha lembranza relativamente próxima para os nosos fillos vai ser unha historia. O meu neno, dentro de 20 anos se ve a unha señora vestida de negro cun pano na cabeza non lle vai representar á nosa zona, e iso é triste.