«Cando che adianta un coche sabes se o condutor é ciclista»

Juan Ventura Lado Alvela
J. v. lado CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

X. Ameixeiras

O técnico soneirán fala do bum deportivo que vive a Costa da Morte, de seguridade e coordinación local

21 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Víctor Santos Vidal (1973), técnico de deportes do Concello de Vimianzo, é un dos grandes divulgadores da actividade física na sociedade e un dos promotores da unión dos especialistas dos concellos da bisbarra.

-Os alcaldes din que se coordinan mellor vostedes ca eles.

-Porque os técnicos deportivos temos o convencemento de que a unión fai a forza. Algo en común vai ter máis interese para os usuarios, sáenos un pouco máis económico e entre 10 técnicos, por poñer un caso, o traballo non é o mesmo, sae moito mellor e vas ter máis asistencia.

-¿Por iso promoven uns as actividades dos outros?

-Somos conscientes de que un Concello non pode ter todas as actividades, sería inviable. O ideal sería que cada un tivese dúas ou tres fortes. Despois, se a que che gusta está en... Dumbría, por poñer un caso, que funciona ben e que ao mellor alí non ten a demanda suficiente por que non vas mandar a xente. O exemplo está nas Andainas e no circuíto Correndo pola Costa da Morte. Se a carreira é en Vimianzo, loxicamente a organización lévaa o Concello de Vimianzo, pero os técnicos de Mazaricos ou de Camariñas tamén son e se senten organizadores.

-¿Inflúe que todos sexan deportistas?

-Penso que non, porque os futbolistas, por poñer un exemplo que me vén así a cabeza, tamén son deportistas e hai unhas rivalidades tremendas mesmo dentro dos mesmos concellos, ao mellor entre dous equipos, cando se fosen xuntos en moitas cousas seguro que lles era mellor para todos. Os localismos están aínda moi vixentes na Costa da Morte, pero o que funciona son as cousas en común, xa non só para atraer á xente de aquí, que máis ou menos a temos, senón de Santiago, da Coruña...

-Vostede un bo deportista.

-Comecei no fútbol como case todos e ata que me retirei, aos 28 relativamente novo, non facía moito máis. Despois empecei co tiro con arco, que practicamente o club lévoo eu con algún directivo. Tamén fixen algo de bicicleta e trails. Como o tempo que me queda libre non dá para todo o ano pasado estiven máis centrado nos trails, e este, no tiro con arco.

-¿Vive a Costa da Morte un bum da práctica deportiva?

-Sen ánimo de colgarnos medallas, pero que un pouco é mérito noso. Coa creación do circuíto Correndo pola Costa da Morte agora vés xente adestrando polas rúas todos os días. Antes eran dous ou tres concellos e agora os ximnasios están a tope, con moita xente que comezou así, polas carreiras. Dende o primeiro xa pensamos que había que por dúas distancias, para que a xente que non estaba moi acostumada a correr puidese participar. Fixemos 10 quilómetros e cinco, pero vimos que a de cinco aínda se quedaba un pouco grande para algunha xente que non corría e cambiamos á de tres. Penso que conseguimos os obxectivos e oxalá dure moito, porque supón un aumento de calidade de vida e a mingua de moitos riscos.

-Moita xente que comezou na BTT se está pasando á estrada.

-Si, aínda que como sigamos así, moita xente vai coller medo, porque levamos un 2017 de accidentes terribles. O auxe das rutas BTT foi parecido ao das carreiras, pero moito antes. Penso que moita xente se está pasando á estrada porque para ir ao monte precisas compañeiros, normalmente non vas só, non te arriscas porque che pode pasar algo nun sitio sen cobertura e non sabes se che atoparan ou non. Polas estradas acostuma a pasar máis xente.

-¿Realmente hai un incremento da sinistralidade?

-Penso que agora calquera que sae á estrada ten iso no pensamento. Aquí en Galicia -en moitos sitios xa vén de lonxe- penso que se debe ao auxe que hai do ciclismo. Os accidentes non deberían existir se todos cumprísemos as normas, porque moitos accidentes son por non respectalas e eu creo que a clave está no respecto. Por parte de todos, dos condutores e tamén dos ciclistas, que se ve a moitos saltándose os semáforos, por exemplo. Cando vas na bicicleta e che adianta un coche case sabes con seguridade se o condutor é ciclista ou non. O que nunca andou en bici non sabe o que iso, porque hai moitas cousas que inflúen o aire, a distancia o susto que lle poidas dar ao pasarlle...

«A nosa idea é fomentar o uso da bici e tomar conciencia de que hai que respectar»

Santos é unha das pezas principais no desenvolvemento do Día da Bicicleta que organizan La Voz de Galicia e Radio Voz co Concello de Vimianzo este domingo.

-¿Serve para concienciar destas cuestións de seguridade?

-A idea é esa, fomentar o uso da bici e tomar conciencia de que hai que respectar e ser prudentes: todos, ciclistas e condutores. Por exemplo, para min o uso do casco é fundamental, incluso nos núcleos urbanos onde non é obrigatorio. O que sae a adestrar pono, fixo, pero o que colle a bici como medio de transporte nun desprazamento, non sempre.

-¿Como é a cita do domingo?

-Un paseíño de 12 quilómetros polo Val de Vimianzo, co mesmo percorrido de sempre apto para as familias. A xente xa se pode apuntar no Concello e, se non, ese mesmo día ás dez e media.