Sobre o plan de acción dos Penedos de Pasarela e Traba

La Voz

VIMIANZO

Solpor desde los Penedos
Solpor desde los Penedos ANA GARCIA

O Seminario de Estudos da Costa da Morte (Semescom) emite a súa postura oficial sobre o proxecto que está en exposición

16 oct 2023 . Actualizado a las 17:38 h.

O pasado 10-10-2023 resumíanse en La Voz de Galicia os aspectos principais do Plan de Acción dos Penedos de Pasarela e Traba, que levará a cabo o Instituto de Estudos do Territorio co financiamento da Xunta de Galicia. En base a estes puntos, o Seminario de Estudos da Costa da Morte (SEMESCOM) ten a ben expresar a súa postura, que basicamente coincide coas declaracións do seu presidente en días pasados.

Valoramos positivamente que se volva falar deste Plan de Acción, e que se dea por feito que non haberá máis ameazas de canteiras nin de proxectos eólicos (o de Monte Chan xa hai meses que foi rexeitado, mais aínda está pendente o da Pena dos Mouros, que esperamos que sexa rexeitado tamén), pero non nos parece de recibo que, despois de 12 anos de demora, a Administración autonómica anuncie como un gran logro o que non son máis que novas prórrogas de cinco e dez anos para intervencións ben modestas.

Esta prolongada tardanza semella outra nova manobra de dilación para a posta en valor do patrimonio natural e cultural da Costa da Morte. Outro aprazamento sine die que engadir ós xa históricos como o do dolmen de Dombate (que estivo 16 anos -de 1989 a 2007- baixo unha lona de plástico que avergonzaba a propios e estraños); os vinte anos que botamos algúns para salvar os batáns e muíños do Mosquetín (tivo que vir en axuda, en 1998, a Deputación da Coruña); e, o máis evidente: o Parque Arqueolóxico do Megalitismo, anunciado con bombo e prato polo Goberno galego desde 2001 e polo que continuamos á espera.

Todo o que se anuncia no Plan de Acción dos Penedos, tanto para «antes de 5 anos» como para «entre 5 e 10 anos» e mesmo para «a partir dos 10 anos», se de veras se quere levar a cabo dunha vez por todas, deberíase iniciar xa o próximo 2024, pois boa parte das modestas cantidades que se lle destinan poden entrar, se se quere, nos orzamentos da Xunta de Galicia antes de que remate este 2023.

Non podemos aplaudir coas orellas que haxa que esperar tantos anos para un simple aparcamento de coches; unha mellora do acceso á Torre da Moa e unha simple sinalización do seu xacemento arqueolóxico; uns paneis interpretativos que faltan; unha sinalización en estradas, na autovía (se é que deixan) e en rutas de sendeirismo; eliminación de verquidos; estudo da toponimia -non hai nin media ducia de topónimos tradicionais- e lendas...

Está ben que se fale de eliminar eucaliptos, e de «plantaciones que restan visibilidad del conjunto y suponen un riesgo de incendios», pero bótase en falta que non se contemple un plan de limpeza anual, a fondo, da vexetación que dificulta os accesos e mesmo impide a contemplación das múltiples formas zoomorfas, antropomorfas e multiformes deste conxunto granítico. Ese plan de limpeza incluso abriría a posibilidade de deixar ó descuberto novas formas.

Por outra parte, no Plan de Acción non se contempla un Centro de Interpretación acorde coa importancia do lugar, unha das mellores paisaxes graníticas do mundo, segundo repiten os expertos, que algúns teñen comparado con sitios xeolóxicos tan emblemáticos como a Ciudad Encantada de Cuenca, os penedos de Los Barruecos en Estremadura e mesmo a Calzada dos Xigantes de Irlanda do Norte. Non falta en ningún destes e outros enclaves que atraen miles de visitantes cada ano e deixan na zona cuantiosos ingresos. Para este Centro (no que se expoñería toda a información básica -xeolóxica, xeográfica, literaria etc...-) non faría falla construír un novo edificio, pois a Asociación de Veciños de Pasarela ten ofrecido o seu local social: a antiga casa-escola Enrique Labarta, estratexicamente situada no centro da localidade.