Esperanza científica

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

CIENCIA

08 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Comezamos un ano cheo de incertezas e perigos xeopolíticos e climáticos. Por poñer un exemplo distinto dos habituais, no 2016 soubemos que, co estado actual do quecemento global, multiplicouse por un factor de 22 a posibilidade de padecer unha vaga de calor extrema que eleve 6° C a temperatura media dun mes por riba do seu nivel habitual. Os habitantes da Terra do ano 2100 falarán mal de nós, non o dubiden.

Para compensar, a ciencia será a que nos forneza de optimismo. Pouco risco corro se lles aposto que a meirande parte das boas noticias que verán neste periódico no 2017 serán relativas a descubrimentos científicos.

¿Pensaron algunha vez como nos xulgarán os historiadores do ano 3000? En gran medida, polos nosos fitos científicos. O deste 2016 foi a detección de ondas gravitacionais, que revolucionará a nosa visión do cosmos tanto como Galileo Galilei ao apuntar o seu telescopio por primeira vez ao ceo en 1609.

Á hora de analizaren o noso paso do II ao III milenio, estou case convencido de que, se a eses historiadores lles piden citar só un par de feitos esenciais, un deles será o descubrimento da enerxía escura, que para min é o símbolo dese cambio de milenio: a súa primeira evidencia foi atopada en 1998 e para o 2003 xa se tiña bastante claro que supoñía arredor do 70 % do Universo. Se a viaxe de Colón a América en 1492 quedou marcada para sempre na historia, ten lóxica pensar que pasará o mesmo co descubrimento de toda esa cantidade de Universo que estivo agochada ata agora.