Cativos do Centro Rural Agrupado rianxeiro introdúcense na ciencia

Ana Gerpe Varela
a. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

CIENCIA

CARMELA QUEIJEIRO

Os alumnos abordan o papel de mulleres galegas no eido da investigación e aprenden hábitos de vida saudables

30 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O interese pola ciencia esperta entre os estudantes rianxeiros dende moi cativos e o mellor exemplo é o Centro Rural Agrupado (CRA), no que máis dun cento de nenos descobren o papel xogado no eido da investigación por ilustres mulleres galegas. Unha das profesionais sobre cuxa traxectoria están a descubrir moitas cousas os rapaces é Ángeles Alvariño, que tivo unha relevancia mundial no eido da oceanografía.

Baixo a coordinación do colectivo Arenaria e coa absoluta implicación dos docentes e da Xunta de Galicia, os cativos viviron onte a segunda das xornadas divulgativas que se están a levar a cabo no CRA de Rianxo. A totalidade dos alumnos participaron, distribuídos en grupos, nun circuíto de actividades que lles permitiron coñecer máis de cerca a figura de Ángeles Alvariño e os materiais que empregaba no laboratorio para levar a cabo o seu traballo.

Contos e experimentos

A biblioteca foi un dos lugares de realización da actividade e, nela, un conto serviu para que os rapaces coñeceran a vida e traxectoria da oceanógrafa. Posteriormente, unha das aulas do CRA transformouse nun laboratorio no que os rapaces non só puideron coñecer de xeito máis concreto o labor dos científicos, senón que tiveron a oportunidade de participar en experimentos. O seu interese polas explicacións recibidas foi absoluto.

Ao mesmo tempo, estas sesións divulgativas serven para que os alumnos aprendan hábitos de vida saudables. Como o esforzo require unha alimentación axeitada, os cativos tamén recibiron un merecido e nutritivo bocadillo, dentro da campaña da Consellería do Mar denominada Ponlle as pilas ao teu bocata.

Os pequenos tamén puideron ver como se prepara un bocadillo saudable, no que non faltaron conservas, como o atún. E precisamente, isto serviu para que os nenos aprendesen o proceso dos produtos do mar desde que son capturados.