«España deulle as costas a María Wonenburger durante anos»

Lidia Fernández A CORUÑA/LA VOZ

CIENCIA

ANGEL MANSO

Un libro, escrito polas catedráticas da UDC Ana Tarrío e M.ª José Souto, dá a coñecer a labor de investigación da matemática oleirense que tivo que desenvolver o seu traballo no estranxeiro

27 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

As catedráticas e docentes da UDC Ana Dorotea Tarrío Tobar e María José Souto Salorio, da área de Matemáticas e Álxebra respectivamente, decidiron aunar os seus esforzos e recoller nun libro a vida e a prolífica traxectoria profesional dunha das científicas máis destacadas e descoñecidas do século pasado.

—Este libro naceu como unha homenaxe á figura de María Wonenburger. Pero que as levou exactamente a recoller a súa vida e o traballo realizado por esta matemática de gran prestixio internacional?

—Coñecimos a María por un amigo matemático que tiñamos en común. El foi quen nos animou a que désemos a coñecer a súa figura dalgunha maneira. Isto foi polo 2002, escribimos un artigo que acabaría publicándose no 2006. Pero sempre quixemos publicar un libro que lle fixese xustiza a unha veciña ilustre de Oleiros, que desgraciadamente pasou desapercibida durante moitos anos.

—O seu libro leva de título La atrevida matemática a la que nuestro país dio dos veces la espalda. A que se refire con isto exactamente? 

—Pois a que a España na que lle tocou vivir non a apoiou en ningún momento. É máis, foi a primeira muller becada para facer unha tese de doutoramento na prestixiosa universidade estadounidense de Yale, mais en España non lle recoñeceron este título. Tivo que facer outro aquí, e soamente lle puxeron trabas burocráticas para non darlle o título. Polo que cando tivo a oportunidade, volveu marchar a Canadá, onde traballou con eminencias das Matemáticas e desenvolveu a súa carreira profesional.

—Polo tempo no que lle tocou vivir, non puido desenvolver a súa labor científica plenamente en España. Que aportacións desta matemática foron denostadas, e que partes da súa vida descoñecemos aínda a día de hoxe?

—Se ben é certo que nos últimos anos se foi dando a coñecer paulatinamente, aínda queda moito traballo por facer para visibilizar a esta científica, que comezou a estudar Matemáticas nunha época na que non era habitual para as mulleres. Pero fixo cousas poucos comúns para o criterio social do momento. Deixou Galicia para ir estudar a Madrid. E logo tomou a decisión de marchar ao estranxeiro para estudar. Sen dúbida, foi toda unha pioneira.

—Cal foi a liña de investigación de Wonenburger e que papel xogou no eido das Matemáticas e máis específicamente da Álxebra?

—Fixo Álxebra Abstracta, traballou con temas punteiros da época, como a teoría de grupos, que tería gran aplicación nas seguintes décadas. Poderíase dicir que foi a nai das teorías de Kac-Moody. De feito, Robert Moody foi un dos seus primeiros discípulos.

—Cando empezou a ser coñecida María Wonenburger dentro das fronteiras nacionais? Porque fóra xa era toda unha eminencia...

—Pois precisamente a raíz da publicación do noso primeiro artigo, alá polo 2006, que saíu na Gaceta Real Sociedad Española, con gran repercusión no campo científico, e en especial das Matemáticas. A partir diso a xente comezou a interesarse por ela. Primeiro dende a sorpresa, durante moitos anos estivo condenada ao olvido no noso país, pero logo chegaron os recoñecementos, non só no ámbito académico, senón da sociedade en xeral.

—A que recoñecementos se refire exactamente?

—Houbo varios. A UDC nomeouna honoris causa, por exemplo. Hai un premio que leva o seu nome, incluso se deseñaron unidades didácticas para implementar nos centros educativos e para que os rapaces soubesen da súa historia. Son pequenos recoñecementos, pero que significan moito.

—Desgraciadamente, o caso de María Wonenburger non é unha excepción, senón a norma. Por que é tan importante falar de todas esas mulleres que pasaron desapercibidas ó longo da Historia?

—É de xustiza recoñecer o seu traballo, igual que se fai cun home. Ademais, é fundamental que as rapazas teñan referentes no mundo das ciencias, demostrarlles que existen figuras femininas que transitaron polos mesmos camiños, que incluso abriron paso ás novas xeracións. Tamén hai que concienciar e apelar á responsabilidade das institucións. Non podemos permitir que todo o talento que formamos en España marche ao estranxeiro por falta de oportunidades laborais. Iso foi o que lle pasou a María Wonenburger, e é un toque de atención para que a historia non ser repita.

—Como cambiou a situación das mulleres na Ciencia nos últimos 50 anos?

—É certo que a sociedade avanzou moitísimo nos últimos tempos, pero aínda queda moito traballo por facer. O papel das mulleres e o rol que xogan evolucionou indubidablemente, mais a realidade é que as mulleres seguen sen acceder a cargos de poder. O teito de cristal é unha realidade. Os datos estatísticos están aí. A nivel de estudos, si que hai paridade, pero non sucede o mesmo nos postos de responsabilidade.