«Paralizamos obras para aforrar males aos compradores»

A CORUÑA

A edil nacionalista asegura que «antes de fin de ano a normativa urbanística provisional estará revisada»

04 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

a coruña| María Xosé Carnota (Frades, 1968) fíxose cargo de Urbanismo, a área mais problemática do Concello sadense. Non se arrepinte, a pesar de que moitos días, como onte, xanta ás seis da tarde, porque sempre hai colas no seu despacho. Comeza a ver a luz, sobre todo despois da reunión desta semana co director xeral de Urbanismo, tras a que di que «antes de fin de ano estará revisada e haberá data para as novas normas urbanísticas provisionais».

-¿Seguen paralizando obras ao mesmo ritmo que cando chegaron ao goberno?

-Paralizamos para evitar males os compradores. O que non pode facer un goberno municipal é actuar pasivamente diante das ilegalidades urbanísticas. E cando Ramón Rodríguez Ares concedeu licenzas de primeira ocupación con incumprimentos manifestos, como non estar rematadas as obras ou incumprir os deberes de urbanización, o procedente é suspendelas.

-¿Cantas edificacións cre que incorren en ilegalidade?

-Máis das que desexaríamos. pero non podo concretar o número. Algunhas das licenzas xa foron declaradas ilegais polos tribunais de xustiza e algunhas outras están pendentes de sentenza xudicial.

-¿Que lle diría aos donos ou aos recentes compradores de pisos, como os de Costa Dulce, onde ven anomalías?

-A licenza de primeira ocupación de dita urbanización concedeuse polo anterior alcalde cando distaba moito de estar rematada, incumpríndose ademais o permiso de obra outorgado no seu momento, xa que construíronse máis vivendas das autorizadas. A promotora renunciou a dita licenza de primeira ocupación e comprometeuse a solicitar unha nova. Cando o fagan, sempre que cumpran, outorgaremos a licenza. O que establece a lei. Nin máis nin menos.

-¿Cantas edificacións tiveron que paralizar ata o de agora?

-Unha decena, e todos os casos debido a incumprimentos manifestos da legalidade urbanística. A ningún goberno lle gusta paralizar unha obra, pero este goberno, a diferenza do anterior, non vai tolerar as infraccións urbanísticas. Unha cousa é a flexibilidade na aplicación da norma, e outra ben distinta é mirar para o outro lado.

-¿Que medidas se van adoptar para modificar a ordenación urbanística provisional?

-O goberno municipal considera isto unha prioridade, especialmente no referido á redución da superficie mínima edificábel nas ordenanzas de núcleo rural, así como a modificación dos requisitos para os aparcamentos nas edificacións. Pero tamén noutros aspectos que a oposición municipal non contempla, como a previsión de terreos dotacionais que permitan, por exemplo, a ampliación do Colexio Sada e Contornos e as reservas necesarias para a construción de vivenda protexida e para desenvolver o futuro parque empresarial de Soñeiro.

-¿Que opina das iniciativas dos grupos da oposición?

-PDSP, PP e ASU presentaron unha proposta disparatada e que contradí o que defenderan sempre ata este momento Cómo é posíbel defender agora que a superficie mínima sexa de 600 metros cadrados nalgunhas ordenanzas de núcleos rurais, cando as normas subsidiarias do 1997 a establecían en 872 e cando tanto o PDSP como ASU propuxeran no 2006 dita superficie de 872 metros.