Chus Martínez Pérez: «Un artista agranda os nosos horizontes, amplíanos as perspectivas»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

A CORUÑA

Afirma que en Galicia hai carestías moi interesantes para construír cultura

27 nov 2014 . Actualizado a las 12:53 h.

É unha nómada voluntaria de sobresaínte carreira. Viaxa case a canda as vangardas. Chus Martínez (O Couto, Ponteceso, 1972), chegou hai algo máis de medio ano a Basilea como directora do Instituto de Arte da Academia de Arte e Deseño, institución da Universidade de Ciencias Aplicadas e Arte do Noroeste de Suíza (FHNW). Viña de ser comisaria xefa do Museo de Barrio de Nueva York e antes pasara polo País Vasco, Barcelona ou Kassel (Alemaña, como parte do equipo Documenta). Personaxe dunha obra de Vila-Matas, seleccionada como asesora artística para a bienal de Estambul (Turquía), será ademais comisaria do pavillón catalán na bienal de Venecia, cun proxecto do cineasta catalán Albert Serra. O seu traballo en Suíza permítelle agora achegarse á arte dende un eido distinto, o académico. Ve a escola como un backstage e segue andando, con proxectos para o centro e coidando as exposicións, porque di que hai que ter os pés na terra. Non crerse nada. Afirma incluso que a súa vida é «dunha normalidade aplastante»: esperta, leva o seu neno (Viggo) á escola, traballa e entretense coma calquera.

-Pregúntolle como terá a cabeza. ¿Cal é a súa misión aí?

-Volver tolos aos alumnos, aínda que non dou clase, pero si teño contacto directo con eles. Cambiei a web, a forma de traballo, contidos. Teñen paciencia: supón un lío traballar en alemán, non na túa lingua, e tamén un reto, pero é un bo momento para coller aire e ver por onde van ir as cousas, así que estou contenta de ter que ver coa produción artística dende esta perspectiva, é volver empezar. Un cambio forte: Suíza ten un proceso sociocultural dende o XVI que non é homologable nin a Francia nin a Alemaña. É un país interesante. Para nós, os galegos, ten esa parte sentimental pola emigración, e unha similitude con Galicia: moi pouca xente está definida polo ámbito urbano, senón polo rural.

-¿Hai arte global?

-A arte é moi específica. Estaría ben, sen nacionalismos, entender diferenzas e contextos. Tamén hai carestías en Galicia interesantes para construír cultura, sen velas como límite.

-¿Como ve iso do IVE cultural máis alto que o da pornografía?

-O freo no acceso non está na economía, pero axuda, claro. Se a cultura está gravada dun xeito tan bestial, pois non anima.

-¿É posible entender a mente artística? ¿Que é un artista?

-Diría que un intelectual, no sentido máis positivo da palabra. Vive dúas vidas, unha creativa e outra normal. Vive en dous mundos e iso é favorable a aqueles que viven ou decidiron vivir nun. Un artista agranda os nosos horizontes, amplíanos as perspectivas.

-¿Están por riba de nós?

-Os artistas están próximos á xente, o que ás veces non o están son as estruturas, faltan pontes, ese intre máxico de emprender a conversa. Veño dunha aldea pequena, O Couto. Non hai mellor exemplo de ponte en Galicia que a Fundación Eduardo Pondal: leva a artistas alí, ao terreo, contan historias. Imaxina que se multiplicase iso, que os museos das cidades tivesen nas aldeas tentáculos coma os polbos. A xente da miña aldea non ten problema coa arte, a cultura ou co cine contemporáneo, nin coa gaita galega. Moita xente está a favor dun grao de entrepeneurismo. A arte é unha ponte entra a tradición e o futuro.