Os tempos de Alberto Datas

David Barro PRAZA PÚBLICA

OZA-CESURAS

26 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai persoas que sempre paga a pena recordar. Artistas que non debemos esquecer. O coruñés Alberto Datas é un deles. Agora estaríamos celebrando o seu oitenta aniversario.

Na pintura de Alberto Datas advertimos distintos murmurios; fóra dela todo foi paciente espera, sen rebelarse a inxustificados silencios críticos. No seu obradoiro era doado intuír unha tensión de quen sofre a pintura, por iso os pensamentos agáchanse baixo o xesto, que actúa en negativo, disimulando a forma. A súa obra é unha realidade en transformación continua, enchida de cesuras e dobras que se cruzan.

En certa ocasión Fernando Pessoa, co seu heterónimo Alberto Caeiro, manifestábase así: «Sempre que penso nunha cousa, traizóoa». E esa sinceridade retórica pode aplicarse á pintura seguida por Datas, que como Pessoa agacha outro baúl cheo de xente, como acertou a denominar Antonio Tabucchi ao revisar as pertenzas do portugués.

Ao fin e ao cabo, o propio artista galego confesou na lectura da súa tese doutoral perseguir a realidade en todo momento, unha realidade que sen embargo ofrécesenos disfrazada, camuflada, traizoada. O corazón de Datas é o encargado de colocar os acentos, fiel aos pensamentos de Ortega y Gasset, obedecendo a unha perspectiva individual. Alberto Datas traduciu ese ollar individual en liberdade e enfrontouse á realidade a partir dunha traballada abstracción, sen entrar en conflitos estilísticos.

Xavier Seoane, que editou hai uns anos unha excelente monografía do artista, falará da súa humildade franciscana e de como Datas lle deu tempo ao tempo. Entre tanto, os seus cadros aínda permanecen abertos a distintas interpretacións, moitas veces opostas.

Nesa falla de respostas concluíntes, nese misterio, radica moita da súa forza. Todo é produto dese paulatino negar da forma que converte á pintura en obxecto de si mesma, aínda que é doado atender a posibles influencias. Sen embargo, moitos falarán de Datas coma se fose un artista da action painting, pero todo é máis contido, máis lento, máis condensado, máis persoal.