Divulgar a investigación

Xosé Luís Armesto REITOR DA UDC

A CORUÑA

04 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Aula Repsol-UDC organizou a semana pasada unha conferencia de Avelino Corma, Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica 2014. Ante estudantes de grao e de mestrado e investigadores de universidades e empresas, falou de forma rigorosa e amena sobre o deseño de materiais para procesos de separación e catálise, mantendo a nosa atención como só saben facer os grandes mestres. Lembroume a outra personalidade científica de referencia, o profesor Ángel Carracedo, que vén de recibir o Premio Nacional de Xenética, e que sempre encontra tempo para exercer de divulgador da ciencia nos centros de ensino.

Ambos os dous, na elite mundial da investigación, relatan como nas últimas décadas o profesorado universitario foi respondendo unha e outra vez ás esixencias dos diferentes gobernos: publicar, mellorar a calidade, transferir coñecemento á sociedade e, agora, crear empresas. Fronte a esta resposta responsábel, lembran, nos últimos anos o goberno diminuíu o financiamento ás universidades e á I+D, dificultando a continuidade dos proxectos e facendo case imposíbel a incorporación do talento das novas xeracións formadas nas aulas.

O profesor Avelino Corma, líder en transferencia de coñecemento á empresa no campo dos novos materiais e referente en patentes en explotación, insistiu en que o seu grupo, para xerar coñecemento que poder transferir, ten que partir da investigación básica. Lembrounos tamén que a universidade, ademais de bos profesionais, debe formar cidadáns libres e conscientes da súa responsabilidade social. Formación, investigación, transferencia e divulgación son misións das universidades, e todas teñen un grande retorno social que xustifica o investimento que se faga nelas.

Desde a UDC contribuímos á divulgación científica, con actividades que promove e nas que participa o noso profesorado e a través da colaboración institucional co ámbito privado, na Aula Repsol-UDC e Fundación Paideia, e nas cátedras Inditex de Empresa Familiar. Todas elas desenvolven actividades en ámbitos do coñecemento e contribúen así, a achegar e pór ao servizo da sociedade os resultados do traballo que realizamos na institución académica.