«As silenciadas máis grandes da historia son as mulleres»

A CORUÑA

Chama a atención que a súa tese sobre María Casares está a ter moita máis repercusión en Francia que aquí

14 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia de Sabela Hermida é a dunha actriz e filósofa galega que se especializou noutra actriz e filósofa galega: María Casares.

-Unha actriz facendo unha tese sobre outra actriz. ¿Foi buscado?

-Si. Ela aglutinaba as miñas dúas paixóns, a arte dramática e a filosofía. Ademais, eu levo anos tentando recuperar a memoria dos silenciados e, por desgraza, as silenciadas máis grandes da historia son mulleres.

-A coruñesa foi musa do existencialismo francés...

-Si, pero musa activa eh... Participaba nos seus proxectos, non é só que os inspirase. Vían nela a unha actriz intelectual.

-¿Por que se fixou en concreto en María Casares?

-Porque era galega, unha intelectual e unha grande actriz. Foi unha muller interesantísima. Creou unha teoría dramática, estaba moi unida á corrente existencialista francesa...

-E estaba unida a Albert Camus.

-Si. Foi unha grande influencia para ela en moitos sentidos, pero tamén o foi ela para Camus, eh!

-Ela tamén exerceu unha influencia sobre el, quere dicir.

-Por suposto. Niso están de acordo os biógrafos máis importantes de Albert Camus. Ela axudoulle a escribir Os Xustos, O home rebelde, fixeron adaptacións teatrais conxuntas...

-Pero non foi o único.

-Non, ela estivo rodeada de grandes intelectuais. Era íntima de Rafael Alberti, Jean Gené, Cocteau, Sartre, Pablo Picasso... Estaba absolutamente involucrada no mundo cultural, artístico e intelectual da posguerra.

-¿Era unha icona da época?

-Converteuse nunha icona da república galega. Seoane era un fervente admirador dela. Dedicou cantidade de programas de radio e escritos a súa figura e obras.

-¿Pensa que aínda non ten o peso na historia que se merece?

-Non, e é moi triste. É unha maltratada. Creo que durante moito tempo non interesou. Ela non quixo ser utilizada politicamente. E, igual que ó principio foi subestimada, acabou sendo utilizada politicamente.

-¿Tamén o seu pai, Santiago Casares Quiroga?

-Ela só pedía que a figura do seu pai fora rescatada e ocupara o lugar que lle correspondía.

-E iso nunca foi así.

-Por iso negábase a recoller os premios que lle concedían aquí.

-¿Por que?

-Porque para ela a figura e a dignidade do seu pai nunca se restaurou como máximo expoñente da república e exiliado que foi. Durante moitos anos é como se non existisen.

-En Francia non era así.

-Non, ti vas a Francia e María Casares é a tráxica contemporánea por excelencia. Unha das grades tráxicas. Teñen un montón de biografía sobre ela. Na biblioteca francesa non dou acabado de ler todo. Foi máis que Margarita Xirgu a nivel español.

-Mesmo a súa tese sobre María Casares tivo moita máis repercusión en Francia que aquí.

-Si, si, si, totalmente. Eu levo dous anos e medio coa tese lida e creo que non esperta o interese que debe espertar.

-E cree que é por ela.

-Non é unha cuestión de ego pola miña parte. É impresionante.

-Chegar tan lonxe sendo muller.

-Ela tivo a grandísima sorte de relacionarse con homes dunha talla en absoluto machista.

-¿Eran algo mais avanzados e a trataban de igual a igual?

-Si. Era feminista pero non sufriu o machismo nas súas carnes.

-Vivía por e para o teatro.

-Involucrábase a uns niveis alucinantes con esa teoría súa de que a vida sen teatro non é nada.

-E renunciou a ter fillos.

-Dicía que os seus fillos eran o teatro e a súa patria.

-¿Como se documentou?

-Foi un proceso complicado e complexo. Tiven grandes axudas: Lino Braxe, quen propuxo que os premios de teatro se chamaran María Casares, e Miguel Anxo Fernán-Vello, que foi amigo dela e pasoume moita información. Tamén falei con Xesús Alonso Montero, Inma López Silva...

-¿Tivo que buscar moito fóra?

-Moitísima bibliografía a Francia, Estados Unidos, Sudamérica...

Doutora en Artes Escénicas. Sabela Hermida foi a primeira muller en acadar este título no conxunto do Estado español.

Actriz. Vive entre Santiago e Madrid, onde desenvolve varios proxectos teatrais.

Filosofía. É a súa outra gran paixón, ademais do teatro.

«Moléstame que as mulleres quedemos en musas. María Casares é unha icona»

Para a súa tese sobre a coruñesa María Casares, Sabela Hermida pasou tempo e tempo documentándose en París, en sitios como a Biblioteca Nacional Francesa. Di que sempre sentiu unha conexión especial con ela. Aparte de ser actriz e filósofa, seu pai é Modesto Hermida, escritor e loitador a prol da lingua e da esquerda.

-¿Sentíase identificada?

-Salvando as distancias, eu tiña unha conexión moi fermosa con ela.

-¿Canto tardou en facer a tese?

-Foron tres anos traballando intensamente. E aínda sigo documentándome a día de hoxe.

-¿Para facer unha biografía?

-Querería ampliala e convertela a un formato mais divulgativo.

-Pero segue traballando como actriz. ¿De onde saca o tempo?

-Pois non teño moito tempo [Risas], pero tentareino.

-Se vivise hoxe, ¿coma quen sería María Casares? ¿Ou non hai parangón?

-Non hai parangón. Sería como unha Sara Bernard, que ademais así a definen un montón de críticos teatrais da súa época. Ela foi unha icona, un referente tanto ético e político como artístico.

-Icona mellor que musa.

-Moléstame que as mulleres, como moito, quedemos en musas, por iso chámolle icona. Non só vían nela unha actriz na que plasmar as súas obras, senón que lles parecía a mellor emisora para representalas. A súa ética persoal e o seu activismo levaron a eses autores á admiración suprema.

-¿Quen influenciaba a quen?

-Nunca saberemos quen tivo mais influencia en quen. Se, por exemplo, ela en Albert Camus ou Albert Camus nela. De feito, o biógrafo de Camus, Oliver Todd, dicía que María Casares na súa vida fora unha explosión.