«Estamos satisfeitos, aprobaron os dez alumnos a proba ao Bachibac»

Dolores Vázquez OLEIROS / LA VOZ

A CORUÑA

Tralo éxito desta primeira promoción augura un crecemento desta dobre titulación en Galicia

25 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Vidal López (Pontevedra, 1954) leva oito anos como profesor de Francés no IESP Plurilingüe Xosé Neira Vilas, único centro que imparte o Bachibac en Galicia, unha dobre titulación de bacharelato español e baccalauréat galo, da que acaba de saír a primeira promoción. Superaron unha proba externa os dez alumnos que se presentaron a ela.

-Vostede foi o impulsor do Bachibac no centro.

-Fun un deles, se non estivese o profesor Xosé Antón García non se podía facer, porque tiña que ter un docente de disciplina non lingüística que tivera un B2 para impartir clase de Xeografía e Historia e de Cultura Científica en francés. Impulsámolo entre os dous, presentámolo ao claustro e a Xunta aprobouno hai dous anos.

-¿Augura un crecemento do Bachibac?

-En Galicia instaurouse o ano pasado, pero en España implantárase no curso 2010-2011 e comezaran seis centros e agora hai oitenta. Se é como nas outras comunidades haberá progresión. Por exemplo, en Cataluña, unha compañeira dicíame que están desbordados. Teoricamente aquí debería de aumentar e a Xunta quéreo.

-¿Por que apostaron no Neira Vilas por esa dobre titulación?

-Intentamos diferenciarnos en algo. Todos os centros teñen a ESO e o bacharelato, pero é importante marcala diferenza dalgún xeito. Como me lembraba un pai estes días nas escolas públicas fanse cousas importantes. Eu concordo con el en que na escola pública hai unha educación de calidade e diferente e esta é unha aposta diferente.

-Todo os estudantes que pasaron o curso presentáronse a proba.

-Si, foron dez, e sacaron notas que van do 6 ao 9. E agora, polo que me dixeron, todos renuncian a ir á proba común do selectivo e van as materias específicas para aumentar nota. O Bachibac exímelles e permítelles agora centrarse só nas materias para subir nota e que lles permitan entrar na carreira que escollan.

-¿Algún vai estudar Francés?

-Ningún vai escoller Filoloxía Francesa. Desta vez non captei a ningún. Entre eles hai de ciencias, hai mixtas sobre todo e uns queren facer Medicina, outros ADE, un Audiovisuais e outros aínda non o saben. Hai diversidade entre eles.

-No seu momento os dous profesores comentarades que a proba tamén era un exame para vos.

-Efectivamente, porque non sabiamos como ía funcionar e se a pedagoxía que utilizabamos era a correcta, porque non tiñamos demasiada formación no Bachibac. Entramos en contacto con compañeiros doutras comunidades autónomas que nos guiaron un pouco. Algo mal pasámolo, como cando mandas aos alumnos ao selectivo. Non é unha proba da que ti te examinas, pero é unha satisfacción que a pasen e cando os dez aprobaron é un orgullo que tes. Cando traballan e fan o esforzo gústame que os rapaces vexan os resultados.

-Os alumnos xa eran especiais, porque asumiron que tiñan que estudar máis.

-Si, non pode entrar calquera. Esíxelles un esforzo especial, porque teñen máis horas de clase e teñen que adaptarse un pouco ao sistema educativo francés, facer o ensaio literario e dominar moito a lingua francesa e ese foi un dos desafíos, o de traballar moito todo o relacionado coa lingua francesa.

-¿Os alumnos acaban como bilingües?

-Tanto como iso non, pero os alumnos teñen un nivel B2, demostraron que teñen interese. Teñen un bo nivel, aínda que uns máis ca outros.