A romaría de Pastoriza

Miguel Sande ESCRITOR Y DELEGADO DE LA VOZ DE GALICIA EN A MARIÑA

A CORUÑA

23 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

omo, seguro, vostedes han saber todos os domingos deste mes de outubro estase a celebrar a romaría de Pastoriza; é ben coñecida entre as xentes da Coruña e de toda a contorna. De antigo chegaban moitas persoas a pé en peregrinación ata o santuario ofrecidas á Virxe de Pastoriza. Lembro de mozo ao crego oficiando a misa principal e advertindo de vez diante de tal aglomeración: coidado cos mormóns! A sorpresa de moitos fieis adiviñábase nos rostros cos acenos propios da dúbida: que dixo, coidado cos mamóns?

Cando neses anos os máis novos formabamos parte da Nova Mocidade e organizamos as festas con máis sona de Pastoriza, vendiamos callos os domingos de romaría no alto onda a Virxe de pedra, tan venerada aínda hoxe. A xente, despois de comprir co rito das tres ou das sete voltas -cada quen dá as voltas que considera para despois pregar un desexo- arredor da imaxe da Virxe, a tapa de callos era un éxito, ben maridada con viño tinto. Que ninguén pregunte onde lavabamos aquilo; non lembro.

A romaría é, penso, un símbolo de Pastoriza; o que máis nos identifica e singulariza aínda como pobo; non é o que era, co tempo van mudando de vez os costumes. Cos anos foron desaparecendo os artesáns das cestas e da madeira (non así as rosquilleiras) e deixando sitio a outros vendedores ambulantes. Pero a Virxe de pedra segue aló no alto, preto da cadeira da raíña, co nariz roto e os pés cada vez máis erosionados, o mesmo ca o neno que sostén en brazos; centinela de Pastoriza e da Coruña: toda esa contorna aos seus pés. Mai. Aproveiten, achéguense a Pastoriza, aínda hai tempo e romaría e tamén callos; os restaurantes da localidade -o meu pobo, as miñas orixes- ofrecen callos cada domingo e compiten en concurso por preparar os mellores. E queda a festa final para pechar por este ano unha das romarías máis populares con todo o peso da historia.