«O caso máis impactante foi o dunha muller que empezou a beber aos 5 anos»

Elena Silveira
elena silveira OLEIROS / LA VOZ

A CORUÑA

ANGEL MANSO

O centro Stella Maris de Bastiagueiro logrou o ano pasado a reinserción social do 85 % dos seus usuarios

19 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

É psicóloga sanitaria e especialista en drogodependencias cun postgrao pola Universidade Complutense de Madrid. Recoñece que cando comezou traballar non durmía polas noites pensando nos doentes que trataba. Agora, tras anos de experiencia, consegue «desconectar». Vanessa García Guerra (Mondoñedo, 1979) está dende hai sete anos ao fronte do centro Stella Maris de Proxecto Home Galicia, que ten a súa sede en Bastiagueiro, nun edificio histórico doado no seu día polos xesuítas.

-Non é nada fácil a súa profesión... Terá que enfrontarse a dramas humanos moi serios.

-¡Uf! (suspira) Durante os dous primeiros anos da miña traxectoria laboral paseino mal; os casos que vía xerábanme moita ansiedade. Non era capaz de separar a vida familiar da laboral. Pero agora si, agora busco desconectar.

-¿E cambiou moito o tipo de persoas que entran no centro pedindo axuda?

-A maior novidade é que o patrón xa non responde so a unha persoa adicta a sustancias. Nos últimos anos aumentaron moito os casos de persoas con problemas de ludopatía (xogos on-line, casas de apostas...). E tamén cada vez demandan máis información pais de rapaces moi novos, de 11 ou 12 anos que empezan a consumir porros ou alcohol.

-¿Tan só 11 anos?

-Si, si. Os primeiros casos chamábanme moito a atención, pero é que a xente nova empeza a consumir moi pronto este tipo de sustancias. En moitos casos, os pais non son quen de poñerlles normas aos seus fillos, e cando se dan conta xa é algo tarde. Tamén se dan moitos casos entre os rapaces de adicións ás novas tecnoloxías e aos móbiles.

-Eso tamén nos adultos...

-No caso dos adultos máis ás compras on-line. E tamén ás compras físicas, claro. Nalgúns casos estas persoas suplen carencias afectivas con compras compulsivas. Ao sentirse soas ou insatisfeitas intentan encher ese baleiro coas compras. Tivemos usuarias neste centro que tiñan máis dependencia ás compras que ao alcohol, e algunha que tiña armarios enteiros cheos de roupa sen estrear.

-Iso pásalle á metade da poboación... Compramos máis roupa da que necesitamos.

-Xa, pero o problema é que esta é unha adicción ás compras. A calquera compra. Pode ser roupa ou pode ser... produtos de limpeza, por exemplo.

-¿Cal foi o caso que máis lle impactou?

-(Pensa en silencio)... Hai tantos... Tivemos unha rapaza de 42 anos que fisicamente aparentaba ter 70. Empezou beber con tan so cinco aniños. Ía levar o gando ao monte acompañando ao avó. Ía sen almorzar e para quentar o corpo bebía o que lle daban. E xa con dez anos era unha persoa alcohólica. Custáballe andar e falar e estaba moi deteriorada física e cognitivamente. Chegou ao final da reinserción, pero a recuperación total é difícil se o entorno non axuda.

-Pero con cinco anos é unha barbaridade...

-Moitos casos dos que nos chegan empezan a beber moi noviños. Outro interno que tivemos tamén comezou con seis anos. Cando tiña catarro dábanlle ponche con coñac; para a dor de barriga, xenebra; ou anís para os gases... Pode parecer unha anécdota graciosa, pero os nenos interiorizan que o alcohol é bo, e ao final o rapaz acaba bebendo porque lle gusta, porque lle pon alegre e finalmente acaba cunha dependencia que o incapacita.

-¿Cantos usuarios teñen agora?

-Estamos atendendo a 35 usuarios, aínda que tamén colaboramos co Centro de Inserción Social (CIS) impartindo cursos para persoas condenadas por maltrato.

-¿E todos chegan ao final do proceso de recuperación?

-A verdade é que no 2016 tivemos menor índice de abandonos. O índice de persoas que finalizan a reinserción social é do 85 %, así que estamos satisfeitos.

-¿E como reciben que, despois de tanto traballo, unha persoa recaia na súa adición?

-Xenera impotencia, pero iso xa non depende de nós. De todas formas temos casos exemplarizantes, como o caso dun home que chegou derivado da prisión, que nunca traballara e que leva xa cinco anos totalmente rehabilitado e agora é voluntario e colabora con nós.

-Queren axudar despois...

-Si, a práctica totalidade. Transmiten paz, satisfacción, tranquilidade, proximidade... E é bo que ese vínculo non se rompa.

-Está claro que axuda teñen pero..., ¿económica tamén?

-Sempre se agradece calquera axuda, pero cos recortes as subvencións case non chegan. Custa moito manter un programa aberto. E a xente ten que saber que facer doazóns desgrava na declaración da renda.