Francisco Jorquera, voceiro do BNG na Coruña: «A alcaldesa confunde moitas veces propaganda e realidade»

Xosé Vázquez Gago
Xosé Gago A CORUÑA

A CORUÑA

ANGEL MANSO

Afirma que o Bloque vai ser a alternativa transformadora na Coruña ao goberno do PSOE, ao que critica pola súa ineficacia na xestión

17 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Jorquera (Ferrol, 1961) foi senador e deputado. Hoxe é voceiro do BNG e fai análise dos dous primeiros anos de mandato.

-Que balance fai do goberno nestes dous anos?

-O noso balance é crítico. Hai aspectos que valoramos positivamente, como o impulso das peonalizacions e a mellora do espazo público, que vai no ADN do BNG. Somos o grupos que máis insistiu nesas políticas porque practicamos co exemplo, Pontevedra é un referente. Tamén e positivo o clima de diálogo, ao que o BNG contribuiu de xeito importante. Non empezamos o mandato con facturas impagadas pendentes de cobro. Non houbo revanchismo co anterior gobierno, a nosa atitude foi de facilitar o diálogo. Pero cremos que moitos aspectos son insatisfactorios ou merecedores de crítica. Hai actuacións urbanísticas que remiten a un modelo pasado, como Percebeiras, que debe darse por superado. Non hai política cultural digna dese nome. Hai unha indefinición sobre o futuro de Nostián moi importante cando falamos de que queremos unha cidade verde. Non hai un liderado para articular a área metropolitana cando A Coruña non se pode concebir se estar insertada no seu ámbito. Por parte da alcaldesa hai un exceso de autocomplacencia, e confunde moitas veces a propaganda coa realidade. Pero non vemos un proxecto de cidade, e hai aspectos da xestión caracterizados pola ineficacia. Estamos en xuño e non hai nin novo Presco nin novos convenios.

O debate da vivenda neste momento non toca [no porto], porque abre a porta á venda de activos

-Estanse a negociar inversións como dixo a alcaldesa? Os outros partidos din que non é así.

-O que se está falando é dun modificativo para dotar ao Presco do 2021 e para ampliar os convenios entidades. O enorme retraso dos plazos compromete ao goberno. Non se pode imputar ao BNG, que dixo dende o primeiro momento que era prioritario negocialo canto antes. Non está sobre a mesa ningunha proposta de investimentos. O BNG foi o único partido que formulou unha proposta clara para as inversións, porque ante a situación causada polo covid non toca o equilibrio orzamentario, senón políticas que axuden á recuperación. Por iso propuxemos que se subscribise un crédito para financiar as inversións e que esas partidas se puidesen derivar para mellorar o Presco e os convenios. Por desgraza non foi atendida polo goberno nin polos outros grupos, pese a que non hai ameaza para a sustentabilidade económica do Concello e a operación de crédito permitirá contar con máis recursos.

-E explicaron o motivo para non atendela?

-A explicación é ambigua e terían que ser outros grupos os que aclarasen se é certa ou non. A explicación que se nos dá é que hai outros partidos que non ven a subscrición dun crédito para investimentos porque dotaría ao goberno de moita manobrabilidade. Non é unha explicación que escoitase por parte deses outros grupos, que terían que cualificar se teñen ou no esa actitude. En todo caso, o BNG non fai política mezquina. Se a cidade precisa investimentos, o BNG está a favor de facilitalos porque son beneficiosos para a cidade independentemente de que o goberno local aspire a rendibilizalos ou non.

-O máis urxente? O orzamento?

-Primeiro que se aproben sen máis dilación e con maior dotación orzamentaria o Presco e os convenios, e de inmediato comezar diálogo para aprobar os orzamentos do 2022. O ano pasado, de xeito totalmente erróneo, o goberno optou por prorrogar as contas sen dialogar cos grupos e explorar as posibilidades de acordo, aínda que todos tiñan disposición para falar e de que houbo acordo co Presco e co orzamento anterior. Non entendemos que a alcaldesa e o goberno se atribúan o mérito de diálogo cando logo non cumpren ese principio. Agora mellor unha rectificación a tempo, porque é prioritario que haxa uns orzamentos prioritarios para a reactivación económica. 

-O goberno di que o porto non se vende, pero non vai á manifestación. Entende a súa postura?

-É ambigua, e por iso o BNG se remite ao que acordamos no pacto de investidura. O porto ten que seguir sendo un motor económico da cidade, vencellado á pesca, á economia azul, ao tráfico de contenedores. A liña vermella do BNG é manter a titularidade pública dos terreos liberados polo traslado da actividade a Langosteira. Somos conscientes de que eses terreos teñen que ser un espazo vivo. Non poden ser un deserto ou un polígono que se peche pola noite. Por iso hai que planificar en alternativas que os doten de vida. Pero o debate da vivenda neste momento non toca, porque abre a porta á venda de activos cando consideramos básico manter a titularidade pública. Tamén consideramos básico que o Goberno dea un trato á débeda que non representen un agravio comparativo para a cidade. A proposta do BNG é que si o Estado é titular dos terreos tense que comprometer na súa transformación e aportar fondos equivalentes á débeda da Autoridade Portuaria con Portos. Calquera outra solución suporía unha diferenza de trato e un agravio para A Coruña. Esa é a posición que o PSOE subscribiu no acordo de investidura.

-Di o PP que o goberno de Rey está roto en tres. Vostedes falaron da inestabilidade dos outros grupos no pasado. Vai a máis?

-Vin o que comentou o Partido Popular, incluso atacando ao BNG, pero xa non recordo se quen dixo iso foi Beatriz Mato, Roberto Rodríguez, Martín Fernández Prado ou Rosa Gallego. Sinceramente, co PP me perdo. O BNG deu exemplo de estabilidade e de estar centrado, para traballar non solo entre as catro paredes do Concello, senón exercendo labor de fiscalización, pateando barrios e falando co tecido social. Outras forzas parece que dedicaron estes dous anos a recomposicións internas en vez de atender cidade.

A inmensa maioría da xente está de acordo en que canto máis peso teña o BNG mellor vai ir a cidade

-Sondaxe di que duplicarían os as súas actas. É tendencia galega, local ou ambas?

-O inquérito confirma a tendencia á subida do BNG en Galicia e na Coruña, como xa se advertía nos últimos procesos electorais. Hai que ter cautela e prudencia, pero o inquérito creo que confirma que o BNG é a forza en alza na cidade. En Galicia os datos son moi positivos. A cidadanía valora ben ao BNG tanto na oposición como no goberno, sexa a forza maioritaria ou non. Os datos nos dan ánimo para encarar con responsabilidade e ambición o resto do mandato.

-A meta é un bipartito?

-O BNG ten aspiración de ser a alternativa transformadora ao actual goberno. Creo que a inmensa maioría da xente está de acordo en que canto máis peso teña o BNG mellor vai ir a cidade. Pero non tocan eleccións, toca seguir traballando. Puidemos impulsar iniciativas importantes, aunque algunhas non estén materializadas pola falta de eficacia do gobierno local. Estou pensando na demanda para recuperar a casa Cornide, a ordenanza do galego, a posta en marcha do consello económico e social, da bolsa de baixos baleiros ou a de vivendas de aluguer a precio social. A proposta do BNG, o Concello está en negociacións coa Sareb para que transfiera as vivendas desocupadas que ten na cidade e destinalas a fins sociais. Creo que estamos dando mostra de saber conxugar a crítica cunha actitude propositiva e de disposición ao diálogo. Imos manternos fieis a ese estilo de facer política.