Volve de Dinamarca para abrir un estudo de arte nos Castros co seu pai: «Este ano vai ser unha transición»

Alejandro García Chouciño
A. G. CHOUCIÑO A CORUÑA

A CORUÑA

ANGEL MANSO

María Salgado traballa como deseñadora de modelos en Lego. Agora busca impulsar a súa faceta máis artística

13 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai etapas nas que un ten que pensar como quere que sexa o seu futuro. Polo menos onde quere que transcorra. «Xa van dez anos desde que marchei da Coruña. Estiven cinco en Barcelona e cinco en Dinamarca, e agora xa estou nun punto no que me pregunto “que fago? Volvo, quedo fóra...” Daquela, este ano vai a ser un pouco unha transición. Vou estar por aquí e en Dinamarca, porque teño cousas pendentes alí. Por iso quería alugar aquí un espazo para poder traballar», comenta María Salgado Santana (1991) sobre o novo estudo de arte que acaba de abrir no barrio dos Castros (na esquina de Vila de Cedeira con Rúa Miramar).

Non o fai soa. Espazo Salgado tamén estará rexentado por outro artista: seu pai, o deseñador gráfico Xosé Salgado. «Nun principio pensei nun coworking, pero como me interesaba máis toda a parte da pintura pois quería un lugar no que puidese manchar. Ademáis, desde hai anos tiña pensado que me gustaría moitísimo compartir tempo co meu pai, porque el tamén pintou desde sempre e quería compartir tempo con el, aprender del. O seu enfoque na pintura interésame moito, e non é o que teño eu. Eu estou máis cortada, veño máis do mundo da ilustración, daquela queda máis no figurativo. O meu pai é máis experimental, de xogar coas texturas e cos materiais», sostén María. 

A apertura do local chega xusto este sábado coa xornada Estudos Abertos, no que participan para darlle visibilidade ao proxecto. O espazo estará aberto ao público desde as 11.00 horas ata as 21.00. «Enterámonos hai un par de meses, cando aínda estaba a inscripción aberta, e non o pensamos dúas veces. Era a data perfecta para abrir. É unha iniciativa moi guai e tampouco descartamos ter unha postinauguración máis adiante», afirma. 

ANGEL MANSO

Tras anos crecendo como deseñadora de modelos en Lego (Dinamarca), Salgado busca agora impulsar a súa faceta máis artística: «Estou como volvendo a facer todo artesanal. Merquei unha prensa de gravado e estou bastante enfocada niso. Pero hai algunhas técnicas que me resultan moi traballosas para a miña paciencia e personalidade. Non me van tan ben. Daquela estou explorando con ese medio diferentes formas de facer gravados. Tamén quero experimentar máis coa pintura e manchar as mans».

Espazo Salgado funcionará principalmente como o seu lugar de traballo, pero tamén servirá como galería para mostras e local para realizar obradoiros. «Como o estudo é grande permite ter unha zona como lugar de exposición. Iremos avisando polas redes sociais de cando estaremos abertos ao público como tipo galería. Ou se temos alguna mostra temática ou artista invitada. Despois tamén pensamos en facer obradoiros puntuais. Facelos nós mesmos ou dar a oportunidade de traballar con outros artistas e que veñan impartir algún curso e que a xente se poida apuntar», resalta María.