Tempos de mudanza

Xosé Luis Armesto REITOR DA UDC

A CORUÑA CIUDAD

12 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

AUniversidade da Coruña continúa a conmemorar os seus primeiros 25 anos de existencia co ciclo de conferencias A universidade pública posible e con actos como o ingreso no seu claustro de profesores de Michael Apple, un referente mundial da pedagoxía crítica e defensor da escola pública. Con estas celebracións queríamos reflexionar de vagar sobre a universidade e o seu futuro nestes tempos de mudanzas. As ideas do novo doutor honoris causa e as de Federico Mayor Zaragoza, Xavier Grau, Victoria Camps e Miren Etxezarreta, que participaron xa no ciclo, e de Vicenç Navarro e Boaventura de Sousa Santos, que o farán en breve, son unha achega moi relevante para repensarmos colectivamente a universidade pública que queremos. Na web da UDC están a disposición pública as gravacións destes actos.

Todas as intervencións alertaron sobre o enfoque mercantilista da educación, maioritario da sociedade neoliberal, e reclamaron unha actitude máis activa en favor dunha universidade crítica. A obra de Apple demostrou con solidez que as medidas do tipo das que se están a tomar en España van máis aló da razón mercantilista. Pensar a educación desde as leis do mercado implica considerar os e as estudantes como unidades de produción máis que como persoas. Implica apostar por un darwinismo social que impón as fórmulas da competitividade empresarial sobre a formación de persoas de xeito integral, inclusiva e liberadora. En definitiva, o contrario da educación «equitativa e democrática», que propuña no seu día o prof. Paulo Freire, tan admirado por Apple.

O ingreso no paraninfo do prof. Apple fíxose aos acordes do We shall Overcome (Venceremos nós), o himno en defensa dos dereitos cívicos popularizado por Joan Báez -e que actuou recentemente no noso país-, e que foi cántico de protesta na Universidade compostelá en 1968. De novo son tempos de cambios.

Non estamos en condicións de respostar á enfática pregunta que Apple lanzou no seu de discurso de investidura sobre se a educación pode cambiar a sociedade. Pero si podemos acudir a Paulo Freire, que nos ensinou que a educación non cambia o mundo, pero cambia as persoas que van cambiar o mundo.