Cooperación

Xosé Luís Armesto REITOR DA UDC

A CORUÑA CIUDAD

03 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Asemana pasada presentouse a acreditación do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic) por parte do Instituto de Saúde Carlos III, unha moi boa nova que culmina os esforzos do Hospital Universitario da Coruña e da UDC para o recoñecemento deste instituto como centro de referencia. E esta semana fíxose público o acordo de colaboración das tres universidades galegas para a docencia do grao de Medicina, que permitirá mellorar a formación do estudantado e optimizar os recursos materiais e humanos de que dispomos.

Son dous casos de colaboración entre organismos públicos para sermos máis eficientes e cumprir cuns obxectivos comúns: mellorar no plano docente, investigador, de transferencia de resultados e asistencial. Son exemplos de como a cooperación é mellor camiño que o da competencia, tan promocionada por un sistema afastado dos intereses da maioría da sociedade, que trata de convencernos de que os servizos públicos non son viables co obxectivo de conseguir as metas dunhas elites economicamente interesadas na destrución do estado do benestar. Como di o proverbio africano, se camiñas só podes chegar antes, mais se camiñas acompañado chegarás máis lonxe. A colaboración eficiente é tamén unha forma de defender os dereitos fundamentais de acceso á educación e á sanidade gratuíta universal e de calidade.

Hai uns días o profesor Boaventura de Sousa Santos, nunha palestra na UDC, lembrábanos que estas elites xa non utilizan a sanidade pública nin envían ós seus fillos á universidade pública. Son as mesmas elites interesadas en promoveren modelos privatizadores e en faceren da saúde e da educación un negocio para si.

Por isto os responsables dos servizos públicos debemos non só defendelos senón facelos máis eficientes, para os protexer dos ataques sistemáticos da ideoloxía neoliberal que invade grande parte dos gobernos actuais, que están a recortar orzamentos e taxas de reposición para reducir a calidade dos servizos. Sabemos que contamos co apoio da maioría social, a que paga cos seus impostos a sanidade e a educación públicas, e que as coloca reiteradamente entre as institucións mellor valoradas, cun apoio superior ao 80 %.