25 anos da UDC

Xosé Luis Armesto REITOR

A CORUÑA CIUDAD

07 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un mes inaugurouse na Barrié a exposición 25 anos de UDC. A universidade na Coruña e Ferrol, que xa visitaron máis de 1.500 persoas. O comisario da mostra, o profesor Narciso de Gabriel -unha das persoas que máis saben da historia da educación en Galicia-, realizou un extraordinario traballo para ofrecer aos visitantes unha síntese do que fixemos e do que estamos a facer: información e análise rigorosas, como parte da transparencia obrigada para as institucións públicas. Foi a nosa intención que esta efeméride servise para que a cidadanía coñecese mellor á UDC, para facermos balance do camiño percorrido, e para propiciarmos reflexións de cara ao futuro, como as das palestras do ciclo A universidade pública posible.

A creación da UDC foi unha das mellores cousas que lle puideron suceder a esta cidade e a Ferrol no último cuarto de século. Formamos máis de 70.000 profesionais altamente cualificados, temos un núcleo de investigación básica e aplicada relevante, co seu propio parque tecnolóxico, o principal motor científico e innovador do norte de Galicia, mais tamén contribuímos a facer realidade o principio de igualdade de oportunidades no acceso ao servizo público de educación superior.

A sociedade apoia e sostén a universidade, e valora, segundo as enquisas do CIS, a educación pública universitaria, como todos os servizos públicos en xeral. Mais este aprecio por parte da cidadanía non vai parello co das clases gobernantes. Nos discursos protocolarios si falan da importancia da educación pública, da universidade, da investigación, mais logo non levan a cabo actuacións políticas coherentes con esas declaracións. A alta valoración dos servizos públicos (a educación mais tamén a sanidade) por parte da cidadanía trasladouse a movementos sociais que reclaman o seu sostemento, e esta esixencia acaba por converterse en apoio electoral para quen defende o que sempre debería ser (e non foi) prioritario. Os últimos procesos electorais parecen pór de manifesto unha clara demanda de cambio das políticas relativas aos servizos públicos. Esperamos que así sexa.