O espazo amnésico

Xosé Luís Martínez ARQUITECTO Y PROFESOR NA ETSAC-UDC

A CORUÑA CIUDAD

19 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Coruña mariñeira, a da cidadanía medieval, a da cidade fortaleza convertida en praza forte, a da burguesía comercial, a das áreas institucionais, residenciais e de ocio da burguesía  industrial e financeira, a dos paseos, e xardíns, dábanse cita no Parrote, espazo por excelencia da identidade cidadán. Un espazo de gran complexidade no que se recrea a historia e no que houbo a posibilidade certa de restaurar páxinas ocultas para a lectura e apropiación polo conxunto da cidadanía. Pola contra, está lonxe do discurso culto que caracteriza ao pensamento urbanístico, emerxeu un inmenso espazo baleiro, un non-lugar no que 52.000 m2 de formigón e pedra, equivalente a cinco campos de fútbol, amagallaron todo signo ou relación co pasado.

A nova paisaxe aparentemente máis preocupada polo infraestrutural viario ao servizo da mobilidade privada, mostra con toda crueza o encefalograma plano dun pensamento pobre que nunha primeira ollada semella que nada ten que aportar. Porén, cada operación, cada movemento convértese nunha oportunidade de negocio, de apropiación de plusvalía, vía financiamento con cargo aos presupostos públicos de obras de dubidosa prioridade en tempos de profunda crise. Toneladas de formigón, miles de metros cadrados de pedra ou de asfalto, deixan ao descuberto a intencionalidade dun discurso especulativo que ten a amnesia colectiva entre as súas finalidades  primeiras. Intención explicitada na renuncia a establecer un diálogo enriquecedor coa historia da cidade como obra de arte, aberta a incorporación dos múltiples estratos representativos do pasado.

A opción  adoptada a través de grandes explanadas baleiras, ao xeito dos non-lugares na súa premeditada banalización do espazo público, levan impreso no código xenético a intención nada inocente de servir de soporte de futuras actividades privatizadoras, baixo o discurso-trampa da necesidade inducida de oferta de servizos.

En calquera caso, os ideólogos do orde urbano comodamente  instalados nos salóns excluíntes e exclusivos do seu hábitat contemplarán dende a distancia a batalla polo control do espazo sobre o que un día, os mariñeiros reivindicaron o seu dereito á cidade.

O mar, aliado natural no discurso alternativo, comezou a emerxer entre as inevitables gretas dunhas prácticas que teñen demostrado abondo a súa obsolescencia, e a través das que a marea vai penetrando nos grosos muros de contención da indiferenza ante o genius loci (o espírito do lugar).