Inversión vs gasto

Julio Abalde REITOR DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

A CORUÑA CIUDAD

19 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa presentación das liñas plurianuais no claustro iniciamos na Universidade da Coruña (UDC) a discusión dos orzamentos, que rematará coa súa aprobación polo Consello Social. Falar de orzamentos da universidade non pode convertese na xustificación da pertinencia dos fondos recibidos senón en falar dos proxectos plantexados, os obxectivos acadados e o servizo que prestamos á sociedade. O cuestionamento permanente da utilidade da universidade pública, e os fondos que recibe, esquece o retorno social e económico que produce. Na situación económica en que estamos é aínda máis necesario manter o investimento en educación superior e en investigación e desenrolo. Así o entenden os países da OCDE que durante a crise incrementaron a porcentaxe do PIB dedicado ao ensino superior, mentres que en España se reduciu nun 5 %.

Mais o debate do investimento en educación superior non debe ser un debate para universitarios senón de toda a sociedade, que se xoga o seu futuro. A evolución de Europa cara unha economía baseada no coñecemento coloca ás universidades nunha posición determinante como principais centros de investigación e transferencia. En Galicia realizamos máis do 70 % da I+D+i da comunidade. Precisamos formar profesionais con elevada cualificación e temos que xerar I+D+i nun mundo aberto e moi competitivo. O investimento en I+D e a colaboración Universidade-Empresa, para desenvolver tecnoloxía e innovar, é o mellor xeito de competir nun mundo global. Temos un exemplo claro na Unidade Mixta de Investigación Universidade da Coruña e Navantia para desenvolver o Estaleiro 4.0 que mellore a competitividade da industria naval.

Agora máis que nunca temos que conseguir que o sistema de investigación pública poida dar apoio á innovación nas pequenas e medianas empresas, esas que compoñen a meirande parte do tecido produtivo galego.

Temos que ser capaces, administracións e universidades, de convencer a toda a sociedade galega de que o investimento en educación superior e en I+D está na base da competitividade presente e futura de Galicia.