Rodaxe de «La Casa de la Troya»

Quique alvarellos

SANTIAGO

Carlos Castelao

Equipo de rodaxe no Pazo de San Lourenzo en agosto de 1924

10 nov 2016 . Actualizado a las 19:56 h.

É unha das obras literarias en lingua española máis lidas de todos os tempos. Espallou polo mundo enteiro un tipo de vida singular: a dos estudantes na Compostela de finais do século XIX. A novela La Casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín (Madrid, 1870-A Coruña, 1926) publicouse por vez primeira en 1915 (Sucesores de Hernando, Madrid), cunha tiraxe de 1.600 exemplares, 448 páxinas e capa de Castelao. Quizais, a súa popularidade superou, en moito, a súa calidade literaria, pero Lugín soubo plasmar nestas páxinas ese mundo único de tunantes e ?chamémoslle? transgresión estudantil que, nunha pensión (hoxe, atractivo e concorrido museo), pasarían os días máis felices das súas vidas.

O éxito de La Casa de la Troya foi inmediato e abraiante. Dez anos despois da súa publicación, en 1925 ían xa vendidas trinta edicións. Algo insólito. O mundo lía, e lía a Casa de la Troya. (Hoxe, por certo, en 2016, son incontables as edicións ?superan con moito as cen? e os milleiros de exemplares vendidos en todo o mundo e varias linguas). Pero aqueles eran tempos tamén de ouro para o cine: o cine mudo. E así chegamos ao documento inédito que hoxe ilustra esta crónica gráfica. Grazas ao fotohistoriador Carlos Castelao, quen nos cedeu esta imaxe para que todos a poidamos contemplar en primicia.

Trátase da rodaxe, en agosto de 1924, da película La Casa de la Troya, que aquel verán de hai un século se estaba a gravar por distintos lugares de Galicia (Santiago, Os Ánxeles de Brión, Betanzos, Pontedeume, Sada, Vigo ou Combarro). Esta imaxe do equipo de rodaxe (19 integrantes), cos actores, actrices e equipo técnico, está tomada en Compostela, no barrio de San Lourenzo. No centro, Alejandro Pérez Lugín, o autor da novela e aquí tamén guionista, co-director xunto con Manuel Noriega e produtor (Troya Film) da película. Á súa dereita, con vestido branco, a protagonista, Carmen Viance (Madrid, 1905-1985), quen, con vinte anos, iniciaba por estes días de 1924 unha fulgurante carreira profesional que a ía converter axiña na primeira gran diva do cinema (mudo) español.

O filme estrearíase en 1925, en Madrid e Barcelona primeiro, simultaneamente, e logo, o 10 de febreiro, no Royalty de Santiago (despois xiraría pola Coruña e Vigo). Foi un dos grandes éxitos cinematográficos da época. Hoxe quedan copias na Filmoteca Nacional o no Centro Galego das Artes e a Imaxe (CGAI).

Tras esta película de 1925 virían outras, ata catro filmes máis sobre o famoso libro de Lugín, pero esta quédanos como a primeira («La película de todos, la que nunca se olvidará», como se anunciaba daquela). E con esta imaxe inédita que damos a coñecer hoxe, do grupo posando naquel inesquecible agosto... de hai 92 anos.