«Cremos que hai falta de interese do Goberno para dragar a ría do Burgo»

Xosé Vázquez Gago
Xosé Gago A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

MARCOS MÍGUEZ

Afirma que teñen un listado de melloras para as zonas verdes e os xardíns da cidade «para varias décadas»

25 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

María García é a concelleira de Medio Ambiente. Entre os grandes retos da cidade nese eido cita «o tratamento dos residuos, que é prioritario en calquera Administración e aquí coincide coa renovación dos grandes contratos». E tamén a «recuperación do medio natural da cidade que nos arrebataron coas políticas do cemento». Esta semana participou na primeira plantación das 1.500 árbores que prevé plantar antes da fin do mandato no ano 2019.

-¿Por que 1.500 árbores?, ¿onde estarán?, ¿de que tipo serán?

-A nosa intención é incrementar un 10 % o novo arborado. Sobre todo lugares próximos a xardíns e zonas verdes. Tamén imos facer un estudo de zonas de oportunidade, ver onde quedan calvas na cidade, e aproveitar espazos preto de centros de ensino e cívicos. Buscaremos as especies axeitadas para cada zona, e tamén queremos introducir vexetación máis baixa, como arbustos con características cromáticas chulas en outono ou con froito.

-Rexeitaban o contrato de xardíns do PP, pero ao final adxudicouse. ¿Como está a situación?

-Non houbo recurso á adxudicación, así que se asinará o contrato nos próximos días. Logo hai un prazo de dous meses para empezar, que tanto o Concello como a empresa precisan para ter todo en marcha. Polo de agora vai ben, estase facendo un traspaso tranquilo e xa lle trasladamos á adxudicataria as nosas prioridades e o noso interese polo mantemento dos empregos.

-¿Ve boa disposición?

-Si, o Concello ten moitos plans e vai facer falta moito persoal. Temos 3,5 millóns anuais de melloras para executar e temos unha lista para varias décadas. Temos que ver a viabilidade das que se aplicarán no primeiro ano no coidado dos parques, a expansión do arborado, o uso multitarefa dos parques para usos didácticos...

-¿Como están as actuacións para acabar cos vertidos á ría?

-Xa actuamos no 70 % deles, e os privados, cos que chegariamos ao 80 % están todos requiridos aos seus propietarios. Quedan por liquidar os da Pasaxe, pero están vinculados aos plans para intervir nese asentamento.

-¿Avanza o plan do Estado para dragar os lodos da ría?

-Nós queremos demandar que haxa unha resposta clara do ministerio [de Medio Ambiente]. Levan un retraso tremendo na resolución das alegacións e no estudo de impacto. Non se poden escudar nas dificultades para formar o Goberno, porque é un traballo técnico, por iso entendemos que hai falta de interese.

-Ás veces ocorreron vertidos de hidrocarburos. ¿Xa cesaron?, ¿Coñécese cal era a causa?

-Hai unha comisión interadministrativa, con representantes da Xunta, do ministerio..., de varias Administracións, que está a investigar dende varias frontes de onde pode vir esa contaminación. Non hai resultados concluíntes polo momento. Prodúcense periodicamente e estase tratando de estabelecer unha correlación con episodios de precipitacións ou fenómenos de outro tipo.

-¿Para cando os contratos de recollida de lixo e limpeza viaria?

-Estamos traballando nos pregos da recollida, a limpeza finaliza a primeiros do 2018, estamos en prazo. Iremos licitando a medida que se cumpran os prazos. No caso da recollida, queremos facer uns pregos ambiciosos, porque é un servizo estratéxico e queremos escoller o mellor modelo posible. Polo momento o servizo está a funcionar con normalidade, polo que tomaremos todo o tempo preciso para poñer o mellor servizo no futuro.

-¿Prevé moitos cambios?

-Haberá certa continuidade, pero imos ensaiar proxectos piloto e, á vista dos resultados, ver a súa expansión a zonas da cidade. É posible empregar modelos distintos adaptados a diversos tipos urbanísticos. Pero os cambios faranse de forma tranquila e co acompañamento da cidadanía.

-¿Por que fai os pregos unha empresa e non os funcionarios?

-Os funcionarios pídennos apoio externo porque a Administración adelgazou moito, non se cobren as xubilacións, e cada vez hai máis traballo e menos persoal. Pero os funcionarios e os políticos sempre están acompañando o traballo desas empresas. Nós marcamos as directrices.

«Se Beatriz Mato aspira a ser alcaldesa debería mirar máis pola cidade»

Nestes anos, María García tivo «un par de entrevistas» coa conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, que se perfila como próxima líder do PP de A Coruña.

-É unha persoa cordial, pero gustaríanos que atendese máis as demandas da Coruña. Vainos peor con ela. Este ano fáltanos un millón de euros polo convenio Ecoembes, por exemplo. Eu agardo e ofrezo unha relación moito máis leal, sen dúbida.

-Ela é a posible candidata á alcaldía ¿Teme que as diferenzas crezan a medida que se achegue a campaña electoral do 2019?

-Creo que se aspira a ser alcaldesa debería mirar máis pola cidade, e non deixalo para o mes antes das eleccións. Agora é cando se demostran as cousas, e demostra o seu voto a favor da venda da Solana ou penaliza a planta de residuos da Coruña. A verdade, recomendaríalle que, de cara á súa carreira política, atenda as demandas da cidade, que non son da Marea, senón da cidadanía.

-O contrato de Nostián remata no próximo mandato, pero...

-Sería unha deslealdade deixalo todo para o último momento. Imos poñer en marcha un conxunto de medidas para avaliar o estado da planta e a maquinaria, e ver como se pode optimizar a separación de residuos no fogar.

-¿A xestión será privada?

-Estudamos todas opcións, pero aínda non chegamos a conclusións polas restricións de contratación na Administración local, aínda que se poden levantar.

-¿O modelo da planta é correcto?

-A Coruña foi pioneira, iso hai que valoralo, e foi un acerto apostar pola compostaxe. O que non respondeu foi a solución técnica de Albada [a xestora], que fixo prognoses que non puideron cumprir coa tecnoloxía que instalaron. Estamos vendo que se pode facer con ela, por iso procede facer unha auditoría técnica da que saian escenarios de futuro.