Río Azor, en Palmeira


06/04/2017 05:00 h

O nome da praia de Río Azor comparte seguramente orixe etimolóxica coa d´A Coruña: Riazor, e con non poucas aldeas denominadas Riazón, Riasón e Riazó, espalladas pola xeografía galega. O que non podemos asegurar é o étimo que está debaixo de todos eles. Hai unha teoría que o vincula ao Río Sor e ao Río Zorelle, por estar documentado «Rivus Saurius», polo que significarían ríos cheos de lagartos e outros reptís. O acivro daría orixe dende «Rivus açevolli» até Riazor, como ríos abondosos nestes arbustos nas súas marxes. A orixe prelatina dos elementos «Ser» ou» Sora» como bases de Sar, Sarria, Sarre (Fr.) e Sarno (It.) co significado onomatopeico de «fluír ou brotar da auga» é sostida por varios estudosos. Eu gusto da teoría que pon por protagonista un azor, fermosa ave de rapina, domesticada para cazar na Idade Media, ave diúrna e discreta que daría nome á nosa praia. Mais «Río do Azor» ten un primeiro elemento «rivus» que nos estraga a poesía das teorías expostas e coloca no seu sitio un «río pequeno» co revelador étimo rivaceolum.

Votación
3 votos
Comentarios