«O traxe tradicional nunca estivo morto»

A CORUÑA CIUDAD

CESAR QUIAN

Miriam Luaces Lago, primeiro como afeccionada e agora coma profesional, é unha das persoas encargadas de manter todo o saber popular e cultural que hai detrás da vestimenta tradicional

14 dic 2023 . Actualizado a las 18:32 h.

A confección do traxe tradicional é un sector complexo, moi especializado e difícil de abordar sen un profundo coñecemento de materiais e patróns. Neste mundo móvese con seguridade Miriam Luaces Lago (A Coruña, 1983), ligada ao mundo da música e baile tradicional dende cativa. Percorreu durante máis dun decenio con Xacarandaina infinidade de escenarios como pandeireteira, e segue agora aínda nesta asociación coruñesa como profesora. Foi tamén onde se propiciou que comezase a dar as primeiras puntadas para elaborar as pezas do traxe.

«Ao principio comecei facendo camisas aos compañeiros para as xiras, ou enaguas, e, cando me dei conta, xa sacaba uns cartos con esas cousas», comenta recoñecendo que de vagar foi facendo cada vez máis encargos. «Eu sabía coser, porque a miña tía era modista, costureira na casa, e aprendín con ela», puntualiza. Tras facer tres anos de Arquitectura Técnica, decidiu que non era o seu e abandonou esa carreira por unha FP de patronaxe. «Realmente considero que a padronaxe me serviu para acurtar procesos, pero non traballo industrialmente, senón como se traballaba antes», relata. Dos inicios na costura para compañeiros do grupo hai case vinte anos, traballando na casa e dando clases, pasou no 2021 a montar un obradoiro propio, La Tarlatana, onde gran parte dos encargos son de roupa tradicional.

«O que máis carto dá é a roupa para as cerimonias, pero o que máis me gusta facer é o tradicional, porque é o máis artesanal e o que a clientela máis valora», admite, e recoñece que os que o piden son quen de apreciar a súa busca de materiais o máis naturais posibles e a aposta por que a técnica sexa a axeitada. Iso si, admite complicacións á hora de lograr provedores: «Son materiais máis exclusivos, menos comerciais, e, para lograr calquera baeta, estopa ou pano, ou tamén pasamanería de guipur ou abelorio para bordar ao aire, tes que ir fóra da Coruña».

Por uso, o máis demandado é a roupa branca, pero Miriam Luaces, se tivese que quedar cunha peza, escolle o mantelo, pola minuciosidade do traballo que esixe: «Ten técnica e creatividade á vez».

CESAR QUIAN

Explica que un traxe completo de gala pode levar facelo unhas tres semanas, algo menos se é de cotío, pero a maioría do que lle piden son pezas soltas, para ir completando o conxunto ao longo dos anos. «O que fago é asesoralos, ensinarlles material fotográfico antigo ou pezas que podes ter para rexerte ao máximo sobre o que se ten por referencia», puntualiza, mostrándose leda porque cada vez haxa máis competencia. Gaba os que apostan por recuperar este traballo dende a confección no tear.

«Como docente do mundo do traxe, intento inculcar aos meus alumnos tamén de onde vén o traxe e con que se leva cada cousa, e realmente non é que vexa un rexurdir, pero si penso que nunca estivo morto e, se se ensina, a xente valórao e fai que incluso asociacións pequeniñas queiran investir na roupa», sentencia. Mais recoñece que aquí «aínda queda moito por andar porque queda restrinxido a contadas ocasións, está moi ligado ao mundo escénico ou días de exaltación, como o Domingo das Mozas, pero non é coma no sur que usan o traxe de flamenca para todo».

CESAR QUIAN

A peza

Considera o mantelo como a prenda máis característica da muller

O traxe

Poucos hai que encarguen un traxe completo, polo custo. O que lle piden son pezas soltas