«A música debería ser unha materia obrigatoria en todos os cursos»

Fernando Molezún A CORUÑA / LA VOZ

CULLEREDO

Eduardo Pérez< / span>

O centro que dirixe celebra o seu 25.º aniversario convertido nun referente

30 may 2017 . Actualizado a las 00:01 h.

Poucas institucións poden presumir de chegar a ser un referente cultural e formativo do alcance do Conservatorio Profesional de Culleredo. Unha influencia que chega alén do propio municipio e que ten exportado talento a outros países. A súa directora, Pilar Salgueiro, explica os motivos de este éxito coincidindo coa celebración do 25.º aniversario do centro.

-¿A qué cree que se debe tamaño éxito?

-É consecuencia da grande demanda que existía dun servizo como este e á aposta e o compromiso do Concello. Pero o crecemento podería ser case infinito, porque agora que temos un centro grande, a demanda segue sendo enorme e non somos capaces de abarcar todo. Este ano teremos outra vez alumnos que superarán as probas de acceso, pero que quedarán fora por non ter máis prazas vacantes. Isto reflicte que somos un centro necesario.

-¿Había unha demanda previa ou foi o centro o que a motivou?

-Todo ven de a propia música, que é unha linguaxe tan próxima que os propios nenos quedan entusiasmados con ela e moitos pais apostan polo seu estudo por os grandes beneficios que ten no desenvolvemento dos nenos. Ademais, como centro profesional, garante unha titulación e un acceso á vida profesional nun futuro. Non só damos un servizo para aprender a tocar un instrumento, senón que formamos profesionais. Esa é a diferenza e a grandeza de ser un conservatorio profesional, os alumnos acceden a un título superior equivalente a unha licenciatura.

-¿E cantos dos alumnos que empezan os estudios terminan dedicándose profesionalmente á música?

-No me atrevería a dicir un porcentaxe exacto, pero si que podemos falar dunha pirámide na que os que empezan son a base e os que rematan os estudios son a cúspide. Son unhas ensinanzas que requiren moito sacrificio e moito esforzo extra. E entre esta exixencia e calquera desencanto que pode haber no camiño, hai moita diferenza entre o número dos que empezan e os que chegan a acabar. Ten en conta que empezan con nove anos e son dez cursos, e xa cando entran no instituto a esixencia dos estudios e maior, empezan a pensar o que queren ser de maiores... Aí empezan as baixas. E algunhas son tamén por motivos económicos, o que é moi triste.

-Custa imaxinar a un neno de nove anos enganchado á música tras o primeiro curso de solfexo...

-Iso era co plan do 66, que tiña un curso de solfexo a secas que era durísimo. Pero desde que se implantou o novo plan de educación nas ensinanzas de música no primeiro curso xa se empeza a estudar linguaxe musical e instrumento. Foi unha das poucas cousas boas da reforma educativa. Isto facilitou moito o enganche dos nenos porque fai o instrumento máis accesible.

-Pero aínda queda moito que lograr en materia de educación musical neste país.

-A música debería ser unha materia obrigatoria en todos os cursos e en todas as idades como parte dunha formación humanística e cultural elemental, ademais de por todos os beneficios que aporta ao desenvolvemento do cerebro. Pero como as leis educativas as fan os políticos, na última reforma quitáronse horas de música na Secundaria. Incluso moitos profesores quedaron sen traballo. Non sei por qué en este país non ten a música a mesma consideración e respecto que teñen o resto das artes.

Exportando talento. Pilar Salgueiro leva sete anos como profesora no Conservatorio de Culleredo, tempo no que viu saír a varios alumnos que agora están desenrolando a súa labor profesional dentro do mundo da música en países como Alemaña ou Brasil.