Unha nova marcha do metal ameaza con colapsar a cidade

La Voz A CORUÑA / LA VOZ

OLEIROS

ALEJANDRA DEL RIO

Os manifestantes irán de Perillo a Elviña por Alfonso Molina

25 jul 2017 . Actualizado a las 19:18 h.

«A manifestación ten carácter central, polo que na mesma participarán traballadores e traballadoras do metal en folga procedentes das distintas localidades da provincia». Isto din os convocantes da nova mobilización do sector do metal, a sétima dos últimos meses e que terá lugar este xoves.

Os participantes na marcha concentraranse na rotonda de Santa Cristina, en Oleiros, desde onde sairán ás 12.30 horas; de alí cruzarán a ponte da Pasaxe, camiñarán pola avenida de Alfonso Molina e acabarán o percorrido diante da Confederación de Empresarios da Coruña, na praza Luís Seoane, en Elviña.

A manifestación do xoves está convocada, igual que as anteriores, polos tres sindicatos: UXT, CC. OO. e CIG, e onte non sabían si o recorrido sería ocupando un dos carrís da avenida ou toda a mesma. Un dos voceiros explicaba onte que o motivo desta nova marcha é que despois de máis de 30 meses sen convenio e case 20 reunións cos representantes da patronal non se deron avances entre as partes.

Despois de indicar que as negociacións cos avogados que representan á patronal están practicamente rotas, os sindicatos detallan que «sempre queda un fío, contactos que se van mantendo».

Tamén indican que neste tempo «algo sempre se avanza», pero consideran que a patronal «está pechada» en cuestións como a subrogación dos traballadores, que é un problema que veu dado pola desaparición das empresas, «que se da moito», e no convenio queren recoller que a nova empresa que se faga cargo das obras subrogue aos traballadores para que non queden na rúa.

As licencias retribuídas é outra das cuestións que divide a empresarios é representantes dos traballadores; estes últimos aseguran que un 85 % das reclamacións que presentan os empregados son precisamente os permisos por vodas, nacementos, enfermidades familiares ou falecementos de algúns deles.