La Voz e a Academia percorren os 50 anos de historia do Día das Letras

CULTURA

«Culturas» analiza a evolución do galego desde aquel 17 de maio de 1963

17 may 2023 . Actualizado a las 00:00 h.

En plena ditadura, cando nas escolas non se daban clases en galego e o labor literario e editorial no idioma propio era unha tarefa heroica, Francisco Fernández del Riego pensou en crear en Galicia unha xornada similar ao 23 de abril co que se conmemora a obra de Cervantes e a ese Sant Jordi co que se festexa en Cataluña o traballo das editoriais barcelonesas.

Don Paco deu cunha data emblemática para poñer en marcha a conmemoración: o 17 de maio de 1863, no que Rosalía de Castro dedicou a Fernán Caballero o seu poemario Cantares gallegos. Para celebrar o centenario do libro fundacional da literatura galega contemporánea e para fixar unha data anual de conmemoración da nosa escrita naceu, en 1963, o Día das Letras Galegas, que protagonizou naquela primeira edición a propia Rosalía de Castro e que desde entonces vén organizando ininterrompidamente a Real Academia Galega.

Suplemento especial

Para festexar estes cincuenta anos do 17 de maio, La Voz de Galicia ofreceu co xornal un número especial do Culturas. Ao longo de 28 páxinas, o suplemento realiza un amplo percorrido por este medio século de historia da nosa da cultura, centrando a análise nos cambios experimentados na sociedade desde 1963 ata o presente. Entre outros temas, Culturas aborda a intrahistoria daquel primeiro 17 de maio, relata a participación das librerías, as editoriais, as bibliotecas e as escolas de Galicia na festa, e inclúe amplas reportaxes sobre a vida e a obra do homenaxeado este ano, o escritor, xornalista e empresario Valentín Paz Andrade.

O suplemento conta tamén coa colaboración singular da Real Academia Galega, que vén de organizar diversos actos para celebrar o histórico aniversario. Este número especial do Culturas reúne 50 artigos de outros tantos académicos numerarios e correspondentes da RAG sobre os protagonistas do Día das Letras Galegas desde 1963 ata o 2012.

Estas semblanzas, que recollen un apuntamento bibliográfico e unha valoración dos 52 autores homenaxeados -hai que ter en conta que o Día das Letras de 1998 foi dedicado de forma conxunta aos tres poetas medievais da ría de Vigo: Martín Codax, Xoán de Cangas e Mendiño-, conforman unha singular historia da literatura galega e do propio país e permiten subliñar algunha faceta pouco coñecida dos protagonistas do 17 de maio.

O Culturas, que se ofreceu aos lectores de La Voz sen incremento algún do custo habitual do xornal, tamén explora algúns detalles da evolución do uso e o estudo do galego neste medio de século, no que o país ten experimentado as máis drásticas transformacións da súa historia. A aparición do emblemático Dicionario Galego-Castelán do escritor e académico Xosé Luís Franco Grande e a actual creación dun manual de galego en liña na web da RAG ou a introdución de novas e rigorosas traducións de textos de autores contemporáneos ao galego, desde James Joyce a Paul Auster, son só dous dos grandes cambios que dan unha idea do asentamento do proceso de normalización da lingua.

Outras reportaxes buscan as claves do importante papel da poesía feminina na nosa literatura, desde a propia Rosalía ata as creadoras da chamada xeración dos noventa, ou o labor dos escritores alófonos en galego, entre os que figuran Federico García Lorca e os seus Seis poemas galegos ou o británico John Rutherford, fundador do Centro de Estudos Galegos de Oxford e autor da novela As frechas de ouro sobre o Camiño de Santiago.

Por último, tamén se fai no suplemento unha completa análise sobre as reedicións de obras ensaísticas e poéticas de Paz Andrade e un achegamento ás principais biografías do autor.