A USC lembra cando Otero pasou a ser «patriarca» e «mito» galeguista

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOÁN A. SOLER

Rememora a súa derradeira lección, que foi a primeira vez que se usou o galego en público na institución universitaria desde a Guerra de 1936

04 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O 5 de marzo de 1958, cando se xubilaba ao facer 70 anos, Ramón Otero Pedrayo proferiu a derradeira lección na USC. Ese día «acabou o profesor e comezou o Otero Pedrayo patriarca»; «era un símbolo e comezou a ser un mito» galeguista. Así o manifestou onte Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, na Facultade de Xeografía e Historia, no Paraninfo, onde falou naquela altura Otero e onde se rememorou a data. O reitor, Juan Viaño, presidiu. Foron oradores Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, quen presenciou aquela intervención oteriana -como Xosé Luís Franco Grande, Salvador García Bodaño ou Teresa Rey, que estaban igualmente onte-; Víctor Fernández Freixanes, presidente da Fundación Otero Pedrayo; e Patricia Arias Chachero e Alfonso Vázquez Monxardín, autores da súa fotobiografía.

Políticos, docentes e discentes, académicos, e unha representación da cultura galega encheron de novo o Paraninfo, aínda que hai 57 anos había máis xente de pé, segundo Alonso Montero, pois admiradores de Vigo, da Coruña, de Arzúa e outros lugares acudiran para escoitar a que foi a primeira intervención en galego na USC desde a Guerra de 1936. Alonso Montero afirmou que foi a primeira vez que escoitou galego desde unha tribuna, o que o deixou «desconcertado» e supoñía que «a primavera chegara á USC». Referiu intentos anteriores de usar o idioma na USC, como nas festas minervais de 1957, e fora prohibido polo decano; en 1951, cando ingresou Manuel Gómez Román na Academia Galega, e o Gobernador Civil prohibiu que o novo académico e o propio Otero Pedrayo usasen o galego. Evocou igualmente o 20 de xaneiro de 1950, cando escoitou, en Madrid, o acceso á cátedra de Otero. En marzo de 1958 o mestre de Trasalba finalizou citando un poema de Pondal: «Boandanza e saúde», afirmou Alonso.

«Pensamento moderno»

Ramón Villares lembrou como Otero foi «depurado en 1937» polos vencedores da Guerra, e en 1948 regresou á docencia, nun instituto de Ourense, coa intención de opositar á USC. Valorou como «un gran éxito» que fose admitido para opositar e que aprobase. Iso favoreceu que ensinase Xeografía e Historia, «dúas das súas obsesións». Afirmou que foi «innovador» no estudo da xeografía galega, por como relacionaba o home co medio natural, e o estudo da rexión, realizando unha síntese da súa concepción de Galicia e destacando a súa formulación de «Terra». Tamén o valorou como un «historiador orixinal polo método, temas e resultados»; un método alicerzado na «intuición» e que partía do Seminario de Estudos Galegos. Fixo unha acertada interpretación da Historia de Galicia, acrecentou Villares, con moito aprecio ao mundo labrego, e con preocupación polo paso do tempo. Afirmou que Otero «está vivo» e salientou igualmente a súa «conduta moral».

Víctor Freixanes lembrou que entrevistou a Otero para o seu primeiro libro, e era «enerxía en estado puro» ao servizo de Galicia, «falaba de futuro sempre» e tiña interese nas novas xeracións. Como Rosalía no século XIX, Otero era consciente ao presidir Galaxia, en 1950, de que traballaba para o futuro, dixo.

Juan Viaño indicou que foi un «mestre sabio, marxinado e apartado pola súa condición de honesto, galeguista e republicano» e «un dos grandes construtores do pensamento moderno da nosa cultura». Arias e Monxardín explicaron varias fotografías e pasaxes da súa fotobiografía.

O acto finalizou escoitando dous minutos dunha intervención pública de Otero, o 3 de marzo de 1968, ao conmemorar os seus 80 anos, tamén en Santiago: citou a Pondal e Rosalía, e finalizou insistindo na necesidade de «ser bos galegos».