«O Mestre Mateo é o cerne das artes en Galicia a nivel internacional»

CULTURA

VÍTOR MEJUTO

A Academia celebra mañá o primeiro Día das Artes Galegas, dedicado ao Mestre Mateo, cun acto no Hostal dos Reis Católicos. Manuel Quintana Martelo e o presidente da entidade

30 mar 2015 . Actualizado a las 18:17 h.

A Real Academia Galega de Belas Artes celebra mañá o Día das Artes Galegas, dedicado ao Mestre Mateo, cun acto de ampla representación institucional na capela do Hostal dos Reis Católicos (19 horas). Será a primeira homenaxe que a institución repetirá anualmente o 1 de abril para honrar a unha figura da arte galega, segundo explica o presidente da entidade, Manuel Quintana Martelo (Santiago, 1946). «O acervo cultural de Galicia é amplo como para que as artes galegas teñan unha figura homenaxeada nunha data do ano. Tomamos o 1 de abril porque é a data, do 1188, que aparece nos linteis do pórtico da Gloria, que nos pareceu moi significativa, aínda que aspiramos a estender a celebración ao resto do ano, con actividades nos centros de ensino e a colaboración de concellos, deputacións, universidades e Xunta», explica.

-¿Por que o Mestre Mateo para esta primeira celebración?

-A escolla é unha obviedade absoluta. O Mestre Mateo é o cerne das artes en Galicia a nivel internacional. A súa obra é un cumio do Románico que chega a todo o mundo polo Camiño de Santiago. Non houbo discusión ningunha porque o plenario tiña claro que era o persoeiro ideal. A partir da próxima xuntanza anunciaremos a apertura dun período de candidaturas ou propostas para o persoeiro do vindeiro ano.

-¿Que condicións deben reunir os candidatos ao Día das Artes?

-Ten que haber un mínimo de dez anos dende o pasamento do homenaxeado. Non tiña sentido dedicalo a unha figura viva, xa hai outros premios para iso e o recoñecemento do seu traballo. Admitiremos propostas ao longo de abril, que poden presentar fundacións, centros de arte e outras institucións, e que logo estudarán unha comisión para seleccionar un máximo de tres. Traballarase sobre esas candidaturas en xuño e antes do verán sairá o persoeiro elixido.

-Ademais, preparan unha exposición sobre o Mestre Mateo para este verán. ¿Que se poderá ver?

-Para esta mostra contamos coa colaboración da Xunta, do Concello de Santiago, da Deputación da Coruña, da Fundación Catedral e da Fundación Barrié. Estamos todos moi ilusionados. Tivemos a sorte de que o pazo de Xelmírez tiña unha data libre a partir de xullo, e a posibilidade de abrir unha mostra sobre o Mestre Mateo arredor do Día do Apóstolo é a guinda do pastel. A mostra pretende ser o máis ampla posible arredor da súa obra, e queremos incorporar cinco pezas que están fóra da catedral: dúas tenas a familia Franco, outras dúas están no Museo de Pontevedra e a quinta é dun coleccionista privado. Ademais, o académico Ramón Yzquierdo Perrín escribirá un libreto sobre o Mestre Mateo para emprego divulgativo en centros de ensino.

-O Día das Letras, ademais de homenaxear a un autor, celebra a nosa lingua. ¿O Día das Artes tamén pretende chamar a atención sobre este ámbito en Galicia?

-Aquí vou falar por min. Hai unha pequena diferenza co Día das Letras Galegas, que ten como obxectivo a homenaxe de autores que escribiran toda a súa obra ou a meirande parte en galego. Fago esta reflexión porque como artista non creo nunha arte especificamente galega. A arte ten un contexto universal, a diferenza do idioma, que unha fala, enraizado co pobo. Neste sentido, a Academia vai máis pola orixe do artista e non por unha concepción estritamente galega da súa arte, máis ben unha plástica feita en Galicia. Os recoñecementos poden ser a figuras básicas, pero tamén para dar a coñecer e promover o estudo doutras menos coñecidas.