Manuel María, un poeta excelso e popular para o Día das Letras do 2016

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

EDUARDO EIROA

A RAG elixe para a festa do 17 de maio a un «aliado» na normalización do idioma

05 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel María Fernández Teixeiro, Manuel María, como asinaba as súas obras e era extensamente coñecido, será o autor homenaxeado o Día das Letras do vindeiro ano 2016. Un poeta excelso e mais popular a un tempo, profundo e mais de amplo alcance, e no que a Real Academia Galega ve un «aliado» na normalización da lingua, obxectivo último de exaltación da festa do 17 de maio, que terá na abondosa e variada obra do escritor lugués un vehículo privilexiado.

O plenario de académicos elixiu onte por maioría a Manuel María fronte ás candidaturas de Ricardo Carballo Calero e Xela Arias. Foron necesarias dúas roldas de votacións: a primeira excluíu a Arias, mentres que da segunda saíu Manuel María en primeiro lugar. Todos eles «personalidades heteroxéneas, dignas desta condecoración», segundo insistiu o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, segundos despois de comunicar a decisión dos académicos. Alén diso, palpábase unha satisfacción especial pola previsible proxección que dará ás celebracións a popularidade da figura elixida. «Eu podo ter problemas para explicarlles a un erudito como Filgueira a rapaces de 10 ou 11 anos, pero no caso de Manuel María chega con cantarlles dous poemas seus», exemplificou Alonso Montero, quen loou a Filgueira e Carballo Calero, pero recoñeceu que era máis doado levar aos sectores máis amplos da sociedade ao Manuel María de Os soños na gaiola ou Terra Chá.

Retrato de escritor

Alonso Montero compareceu acompañado polos académicos que presentaron a candidatura de Manuel María: Darío Xohán Cabana, Fina Casalderrey, Víctor F. Freixanes, Margarita Ledo e Xosé Luís Regueira (faltaba Manuel Rivas, impulsor tamén da opción do poeta). En sucesivas intervencións foron trazando un retrato dun escritor de moitas arestas. A máis coñecida, a da poesía, unha carreira lírica que se iniciou en 1950 con Muiñeiro de brétemas, o primeiro libro publicado en galego por un autor novo tras a Guerra Civil, e que foi tan longa como fértil e diversa, artellándose nas tres liñas principais do paisaxismo, o compromiso combativo e o intimismo introspectivo. Un poeta que ao mesmo tempo é un clásico e moi próximo ás xeracións novas, como lembrou Xosé Luís Regueira, e a quen a «literatura infantil e xuvenil lle debe moito», destacou Fina Casalderrey, a quen a feliz coincidencia levou a encabezar o seu último libro, Icía quere cambiar o mundo, cuns versos de Manuel María.

Freixanes, pola súa banda, definiu a obra do escritor como «un patrimonio rico» e incidiu en que será «sumamente eficaz para achegarse a todos os públicos». Como exemplo lembrou as moitas versións musicais que existen dos seus poemas. «É que Manuel María é o poeta máis cantado da literatura galega, xunto con Rosalía, Curros e Celso Emilio», engadiu Alonso Montero. Margarita Ledo reforzou ese aspecto popular de Manuel María, alguén a quen definiu como «un home moi querido» e que valoraba moito o concepto e a práctica da amizade, que consideraba unha «flor rara». Estes méritos farán que o 17 de maio se espalle máis aínda, a todo tipo de ámbitos, segundo confían os académicos, cuxa decisión que onte foi saudada pola Mesa da Normalización, o Concello da Coruña e a Xunta.

Unha celebración que permitirá afondar na súa variada obra

Unha das funcións do Día das Letras Galegas, ademais da festiva, é a de xerar e difundir coñecemento sobre a figura homenaxeada. Onte Darío Xohán Cabana, unido a Manuel María pola poesía, a amizade e por ocupar a súa mesma cadeira na Academia -«Oxalá estivese el e eu fóra», dixo, emocionado-, felicitouse pola gran cantidade de bibliografía que traerá consigo o 17 de maio e que permitirá descubrir aspectos novos do escritor e redescubrir moitos outros. Cabana citou en primeiro momento o estudo de máis dun milleiro de páxinas no que traballa dende hai anos o especialista Camilo Gómez Torres. Tamén avogou por afondar máis no «poeta de vangarda» que tamén foi Manuel María, «un poeta rompedor de verso falsamente libre». E subliñou o feito da gran popularidade da que segue a gozar o seu teatro, que nunca deixou de representarse en centros de ensino. Cabana definiuno como «un dos grandes escritores galegos de todos os tempos», creador dunha «obra poética excelsa».

Facianas menos coñecidas

Nesta mesma liña de sacar á luz facianas menos coñecidas, Margarita Ledo propuxo poñer o foco sobre a correspondencia, que actualmente está en fase de catalogación, así como no seu amor polos libros raros e curiosos, xa que Manuel María foi tamén libreiro e editor, impulsor de coleccións como Xistral ou Val de Lemos. E, para completar ese retrato cultural, Cabana chamou a atención sobre a grande e «multiforme» obra xornalística, que non só abordou os grandes temas galegos do seu tempo, senón que achegou cuestións de Italia, Grecia ou Bretaña. «Un mundo extraordinario», concluíu.

Manuel María, nacido en 1929 en Outeiro de Rei e finado na Coruña no 2004, viviu tamén o seu compromiso con Galicia dende a militancia política -participu na fundación da UPG e da AN-PG, e tamén foi concelleiro-. A celebración do Día das Letras Galegas a través da súa obra coincidirá co centenario das Irmandades da Fala, outro proxecto que sumou cultura e política, e que naceu na cidade onde el morreu.