Martín. 19 de maio do 2013

CULTURA

Tercer capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé

03 ago 2015 . Actualizado a las 08:33 h.

«A capital de Galicia amenceu onte conmocionada trala detención de Valentina Valdés polo asasinato dun home de corenta e dous anos que responde as iniciais M.L.P., e que apareceu morto no paseo fluvial do río Sarela. A coñecida empresaria entregouse na comisaría ás 23.56 horas da noite do pasado venres e confesou a comisión do delito.

Segundo fontes fidedignas, Val Valdés entregou a arma homicida e indicou o lugar onde se atopaba o corpo. Ata onte á mañá os medios non recolleron a noticia nas distintas edicións dixitais.

Neste momento, tan só se sabe que a detida xa pasou a disposición xudicial. O corpo foi trasladado ao Instituto de Medicina Legal, onde se lle practicará a autopsia. A xuíza decretou o segredo do sumario.

Val Valdés saltou á fama no ano 2000, tras participar no primeiro reality televisivo de ámbito nacional. Compostelá de nacemento, pasou a meirande parte da súa vida en Madrid, a onde se trasladou con apenas quince anos, tras contraer matrimonio co empresario de orixe alemá Matías Wagner. Viúva aos vinte e nove anos, presentouse ao casting da primeira edición de Sobrevivindo, concurso dotado cun premio de cen millóns das antigas pesetas, que gañou nun alarde estratéxico que a colocou no cume da súa popularidade.

Nun período de cinco meses, a compostelá amosou múltiples personalidades que lle aseguraron a permanencia no concurso ata o final. Trala saída do programa, pasado o rebumbio inicial, desapareceu do panorama público e fundou o grupo empresarial LAV (Val ao revés).

O imperio LAV, como se coñece, constitúe unha das máis sólidas bases da economía nacional, tan só por detrás do grupo Inditex. Caracterizado pola diversificación dos seus ámbitos de actuación e a exploración de novos mercados (pioneiro no mercado chinés), así como pola solvencia dos seus activos, é dirixido con man firme pola coñecida empresaria, que apenas aparece ante os focos dende hai máis dunha década.

Dende entón, as únicas aparicións públicas de Val Valdés limitáronse a uns poucos actos vinculados ao grupo LAV. Esta estratexia de discreción rompeuse cun soado escándalo no ano 2004, cando acudiu á voda das SS. MM. os Príncipes de Asturias como acompañante do famoso aristócrata Alejandro Echeverri, amigo persoal do príncipe e casado ata esa data coa filla do Marqués de Avellaneda.

Aínda que sen confirmar por ela, foron moitos os romances que se lle atribuíron ao longo destes anos, dende o adestrador do Real Madrid, Klaus Weiss, ata o italiano Silvio Letti, executivo da canle que a lanzou a fama».

Martín Vila pechou o xornal e espreitou a fotografía da portada. Parecía unha descoñecida. Non era ela. Cando un a tiña diante, ese personaxe desaparecía. Non era máis ca iso: un mero personaxe. E detrás atopábase Val. A muller que te desarmaba coa súa retranca sutil e te cegaba cunha fermosura irracional. A Val que se che metía dentro, como un orballo lento que ía calando pouco a pouco.

Non adoitaba permitirse pensar nela nestes termos. Aprendera a esquecer o que sentía por ela. Tan só así podía ser o seu avogado e o seu home de confianza.

E aínda que lograra esquecer que a quería, lembraba a tódalas horas como era o mundo antes de Val Valdés. O mundo do que ela o rescatara na clínica de Barcelona onde se coñeceron. O mesmo lugar onde Martín atopou o camiño secreto que conducía á alma de Val, aínda que en todos estes anos, nunca, nin por un instante, deixou de lamentar que non fose o mesmo que conducía á súa cama.

RESUMO

Roi Wagner, un cobizado solteiro da noite madrileña e membro dunha coñecida familia de empresarios da capital, os Wagner, recibe unha sorprendente nova: a súa nai, Val Valdés, entregouse á policía en Santiago de Compostela despois de confesar ter asasinado un home. Valentina Valdés saltara á fama trece anos antes, no ano 2000, tras participar en «Sobrevivindo», o primeiro programa de telerrealidade celebrado en España, dotado cun premio de cen millóns das antigas pesetas.