O coruñés Raúl Dans, premio de teatro Jardiel Poncela 2015

HÉCTOR J. PORTO REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A SGAE recoñece o texto «Las canciones que les cantaban a los niños», que explora o arrepentimento e a culpa nos presos de ETA

03 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O dramaturgo coruñés Raúl Dans (1964) gañou o premio de teatro Jardiel Poncela 2015 pola súa obra Las canciones que les cantaban a los niños -versión castelá feita polo autor de As cancións que lles cantaban aos cativos-. O galardón, promovido pola SGAE (Sociedad General Autores y Editores) comprende unha dotación económica de 8.000 euros, a inclusión da peza no ciclo Lecturas dramatizadas e a súa publicación na colección Teatroautor. «É un premio moi importante para min -valora un moi feliz Dans- e supón unha porta aberta á representación do texto, quizá o máis ambicioso e complexo que escribín». Para o dramaturgo galego, «como Mihura, Poncela está vencellado á miña xuventude. Linos aos dous de mozo, con verdadeiro pracer fundacional, e hoxe, cando volvo a eles, descubro a maxia da gran literatura: aparecen ante min eternamente novos e as súas obras semellan acabadas de escribir».

O premio, anota, é para el como un auténtico agasallo e un berro de ánimo porque cada unha das súas obras anteriores foi un paso cara As cancións... Malia a súa complexidade argumental, di, «é unha peza facilmente representable. Son catro personaxes e case non se necesita escenografía. Actores, texto e luz, nada máis», engade para recordar que un texto que non se representa non cumpre o seu ciclo vital. «Eu -admite- tiven moita fortuna cos premios, pero a miña presenza nos escenarios é practicamente nula. Esta sería unha boa ocasión para que iso mudase».

A obra (que se desenvolve en Galicia) explora nunha etarra de orixe galega, que acaba de saír do cárcere despois de cumprir a súa condena, as ideas do arrepentimento, o perdón, a culpa e a redención, os segredos e a mentira.