Basilio Losada: «Galicia é o único país construído polos seus poetas»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, saúda a Losada
O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, saúda a Losada MARCOS MÍGUEZ

O académico de honra foi recibido na RAG como un gran fabulador

04 oct 2015 . Actualizado a las 11:43 h.

Basilio Losada entrou na Real Academia Galega da man de Rosalía. «Decidín finalmente falar aquí de Rosalía de Castro porque Galicia é, teño para min, o único país do mundo construído e mantido en vida polos seus poetas, e cunha muller en cabeza deles». Foi un acto emotivo, con alusións retranqueiras e co novo académico de honra movéndose no seu máxico mundo da fabulación: «Lamento so o feito de que aos meus 80 anos pouco podo facer xa no futuro para corresponder a este honor... Non, son 85 anos... Parece que tardaron tres anos en anotarme no rexistro así que serían 88», calculou, facendo rir a cantos enchían o salón de actos da RAG no que entrou Losada con Fina Casalderrey e Pegerto Saavedra.

E falou das primeiras novelas de Rosalía, La hija del mar e Flavio, deixando polo medio citas de amigos, como aquel doutor honoris causa pola Universidade de Cádiz: «Dicíame que tódalas las pompas son fúnebres... El morreu aos quince días de que o fixeran doutor». 

Para Basilio Losada «non hai unha Rosalía folclórica. Non hai en Cantares Gallegos folclore», insistía, para rematar que no libro «Rosalía ocultase, está a voz do pobo, dos que non teñen voz». A recuperación do papel da muller, a tristeza, a relixiosidade e o amor foron outras cuestións das que falou o académico de honra antes de que Alonso Montero fixera un recorrido pola vida deste fabulador. Neste senso lembrou unhas palabras de Carlos Casares: «Quen non lle teña escoitado (a Basilio) a  historia da mili e o rei de Xordania ou a aventura do machete que lle foi requisado pola policía brasileira... é como se non lese Mademe Bovary ou Ana Karenina, e non creo esaxerar». A RAG ten desde este sábado un gran fabulador.