Os Premios da Cultura Galega gaban o potencial creativo dos autores galegos

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOÁN A. SOLER

Fina Casalderrey, unha das premiadas, instou a aplicar o Plan de Normalización

22 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Oito premiados en oito categorías cun nexo en común, ser un exemplo do potencial creativo e cultural de Galicia. Os Premios da Cultura Galega 2015 entregáronse nun acto no Gaiás no que non faltou a música, a danza e mesmo a poesía. Estes galardóns recoñecen a traxectoria de colectivos ou persoeiros individuais en ámbitos como as letras, a lingua ou a proxección exterior da cultura. Un xurado conformado por institucións e profesionais do ámbito cultural elixiu aos premiados, que na categoría de proxección exterior recaeu en Kathleen Nora March, pioneira na investigación da cultura galega en Estados Unidos. «Ninguén espalla unha cultura que non teña forza nin mereza ser espallada», dixo, cun agradecemento especial a Xosé Ramón Fandiño, «quen me abriu as portas da Enciclopedia Galega».

O Real Coro Toxos e Froles, o máis antigo de Galicia e que no 2015 cumpre cen anos de vida, recibiu o premio de música. Arturo Lamas, o seu director, lembrou unha agrupación que no 1922 gravou xa a primeira versión íntegra do himno galego. O cineasta Ignacio Vilar recolleu o galardón na categoría de audiovisual. Fixo o autor unha homenaxe a Balbino, a personaxe de Neira Vilas, e ao galego, «Galicia somos nós, os galegos e a nosa fala», dixo lembrando ao poeta Manuel María.

Manuel García Sendón, presidente da Federación Galega pola cultura marítima, foi o encargado de recibir o recoñecemento na categoría de patrimonio cultural. Neste caso puxo xa un deber á Administración galega, un marco propicio para regular o uso destes bens -en relación ás embarcacións tradicionais-, «porque o seu sitio non son as rotondas, senón os portos».

O debuxante Miguelanxo Prado, galardoado na categoría de artes plásticas, quixo facer do seu recoñecemento un premio colectivo. «A cultura é un dos adhesivos que temos na tribo», contou.

Tamén houbo momentos para as críticas e as reivindicacións na gala de entrega. A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización rexeitou o premio na modalidade de lingua pola política lingüística da Xunta, aínda que nun comunicado mostrou «a nosa inmensa gratitude para o xurado». Tamén a escritora Fina Casalderrey, que non puido estar por motivos persoais, expresou no seu discurso -que leu Dolores Vilavedra- a queixa pola paralización do Plan de Normalización «métalle un pouquiño de presa a aquel plan», dixo a autora. A actriz María Bouzas foi a última en recoller o galardón de artes plásticas. Neste caso as queixas foron para o Goberno central: «Baixen o IVE cultural xa», pediu.

Román Rodríguez reivindica unha Galicia que non quere ser unha illa

A música de De Vacas, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, o Coro Novo da Orquestra Sinfónica de Galicia e a danza do Ballet Norte-Centro Coreográfico Galego encheron de arte galego a gala celebrada no Museo do Gaiás. Tamén estivo presente a de Ramón Conde, quen se encargou de elaborar o premio, un tornado de escultura.

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, destacou dos premiados a súa creatividade e potencial. «A cultura ten sido e é fundamento de Galicia. Os premiados de hoxe son un orgullo colectivo», dixo.

O acto pechouno o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, quen destacou que Galicia fala e escoita ao mundo coa súa cultura, «pero sobre todo está unida pola súa cultura». Destacou o traballo de cada un dos premiados nesta edición e lembrou a Neira Vilas e Filgueira Valverde -este último Día das Letras Galegas este 2015- e destacou que «Galicia non é nin quere ser unha illa». «A cultura nunca enfronta», rematou.