A Xunta custodiará o valioso legado persoal da poeta Luz Pozo

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A Biblioteca de Galicia acollerá as cartas de Vicente Aleixandre ao marido da escritora

28 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A poetisa Luz Pozo (Ribadeo, 1922) e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, firmaron o acordo de doazón ao Goberno galego do legado persoal da escritora. O acto solemne tivo lugar na tarde de onte no Gaiás, en cuxo recinto do Arquivo e a Biblioteca de Galicia será custodiado (para a súa conservación, catalogación, consulta, estudo, exhibición e difusión). A biblioteca e o arquivo persoal da autora lucense e académica da RAG sumarase así á recente entrega de 3.000 volumes do legado do filólogo lancarés Basilio Losada e da hemeroteca da Fundación Barrié -composta por 125.000 exemplares de periódicos e 6.800 tomos encadernados-, ademais doutros fondos de autor no seu día alí depositados como os de Isaac Díaz Pardo, Sixto Seco, Xesús Alonso Montero, Rodolfo Núñez de las Cuevas ou Celso Collazo.

O legado de Pozo está conformado por máis de 5.000 volumes (a maioría de carácter literario e obras de consulta), ademais de por unha ampla documentación epistolar entre o seu esposo, o poeta maldito Eduardo Moreiras, e o escritor e Nobel de literatura Vicente Aleixandre -unha das xoias do conxunto integrada por 106 cartas que a grande figura da xeración do 27 lle remitiu na primeira metade dos anos 50 ao autor de O libro dos mortos-. Así mesmo, está composto por exemplares da propia obra da escritora, recortes de prensa e información publicada sobre a súa produción desde que en 1948 publicou o seu primeiro poema. Todo o fondo quedará identificado como Biblioteca e Arquivo Luz Pozo Garza.

O conselleiro quixo agradecerlle a Pozo «a súa xenerosidade, amosada coa entrega sen condicións do seu enxoval literario», un xesto, dixo, que demostra unha «altura de miras» que vén confirmada «ao longo da súa intensa e prolífica vida». Rodríguez cualificou este patrimonio de excepcional, unha obra que agora pasa, toda ela, «á libraría colectiva de todos os galegos que conforma esta Biblioteca de Galicia», un espazo pensado como centro de preservación do patrimonio bibliográfico.

Pozo, que estaba preocupada polo futuro deste arquivo persoal, felicitouse pola cesión e dixo que agora xa pode «vivir moi tranquila» porque os libros e as cousas están a disposición de Galicia.