Fernando Cabeza Quiles: «O galego, aínda que ás veces se faga o parvo, non o é en absoluto»

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Ana Garcia

O último ensaio do escritor, «Galicia, o galego e os galegos», ten como obxectivo «dignificar a idea que se ten de Galicia e os galegos»

09 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Fernando Cabeza Quiles (Ponferrada, 1953) vén de publicar o ensaio Galicia, o galego e os galegos (Toxosoutos), no que analiza ámbitos como a historia, o papel da muller ou a emigración, co obxectivo de desmontar tópicos e «dignificar a idea que se ten de Galicia e os galegos».

-¿O libro está pensado tanto para os de fóra como para os propios galegos?

-Exactamente, quizais máis nos propios galegos, algúns dos cales, que se teñen por moi galegos e defensores do galego, parecer estar influenciados, aínda que eles non o saiban, ou non o queiran recoñecer, pola propaganda que se fixo dende o credo centralista contra os galegos. Segundo esta propaganda, o galego votaría poder, cousa que pode ser certa, pero que se dá tamén en todas as Españas.

-No libro desmonta tópicos como o de que a tradición é igual a inmobilismo. ¿Cales outros cómpre desbotar?

-Como veño de dicir, outro dos tópicos que habería que desbotar sería o de que Galicia vota moi, moi diferente de como o fai o resto do Estado. Pénsese, por exemplo, en Madrid ou en Valencia. O galego, aínda que ás veces se faga o parvo, non o é en absoluto. Outro tópico para min falso é o que eu chamo o «Verdismo inmensamente produtivo de Galicia» (aquí temos de todo, etcétera). O feito de que un país sexa moi verde (o sudeste de Galicia non o é tanto) non significa que sexa tan produtivo como se ten dito en determinados ambientes. A cor verde na paisaxe é ben fermosa e mesmo relaxante, pero non é sinónimo absoluto de riqueza produtiva da terra. O mesmo diría para o bosquismo, pois, observando fotografías de finais do século XIX, vense grandes espazos desarborados cheos só de toxeiras, que despois foron forestados con piñeiros na época franquista. O tópico da estrema desindustrialización de Galicia tampouco é exacto. A idea de que Galicia sexa un país moi chuvioso en toda a súa xeografía tampouco é certa. A abundancia de días solleiros de que goza Galicia (non tanto na súa cornixa cantábrica) son produto de que o mar Mediterráneo e o seu influxo climático non están tan lonxe. Polo contrario, o que creo que non é un tópico é o suposto tópico que afirma que se ves a un galego fetén nunha escaleira, non sabes se sobe ou baixa. Tampouco non é un tópico o feito de que Galicia estivese historicamente, e o siga a estar, vapuleada polo poder central.

-Vostede publicou varias obras sobre toponimia. ¿Que nos din eses nomes ou trazos lingüísticos como o uso dos diminutivos?

-Non creo que a toponimia estea tan presente no meu libro e, se o está, non era esa a miña intención. En canto á toponimia comentada, que, iso si, tamén a hai, resaltan os topónimos que poñen de manifesto o grande amor que os galegos senten pola propiedade privada, que coutaron, delimitaron e valaron dende épocas moi antigas, tal como poñen de manifesto os numerosos topónimos Marco, O Marco, Pedrafita, Parafita, Muro, O Muro, Murada, Murado, Cerrado, Cerrada, Lindoso (de limitoso), Lendoiro (de limitorio), Cancela, Cancelas, Cancelo; nomes de lugar abundantísimos que contrastan coa ausencia case total do topónimo Aberta ou Agra Aberta; idea que se continúa coa connotación negativa que ten a frase galega «é como unha agra aberta», pois ao galego, acérrimo amante e practicante da propiedade privada, aterrorízanlle as fincas abertas aínda que sexan súas. Tamén creo que é moi galego o uso de diminutivos agarimosos que o galego utiliza a esgalla para adozar as relacións sociais e limar asperezas. Tamén me parecen moi galegos os falares circulares que empregan os galegos para non definirse ou comprometerse demasiado.

-No libro aborda a «inventio» do Apóstolo. Pero, no fondo, ¿a historia non é un relato consensuado a partir dunha selección e descarte de materiais?

-Si, penso que a historia é, ou debería ser, un relato consensuado por todas as partes do pobo historiado, para, dese modo ser o máis obxectiva, imparcial e verosímil posible. Eu esforceime en ser o máis imparcial posible e penso que en determinados ambientes vou ser censurado ou ignorado por iso. Algúns coñecidos e mesmo compañeiros que leron o libro recrimináronme que falase tan ben dos galegos, porque, din eles, non o merecen. A outros noteille a súa desaprobación na cara. Outros axentes sociais ignoráronme. Mais tamén teño seguidores e ata -creo- que entusiastas. Por outra banda, concordo que a historia tamén é o que non se conta, que é outra maneira de contar. Somos o que somos e tamén o que queremos e soñamos ser.