Unamuno e Galicia

CULTURA

27 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non está de moda falar de Miguel de Unamuno, malia ser un dos intelectuais máis orixinais e brillantes da España de todos os tempos. Non sei a razón, pero o silencio non parou de medrar arredor del, sen que o substituíse ningún outro escritor cun talento comparable. A súa orixinalidade profunda, tantas veces recoñecida no pasado, parece agora eivada por unha reserva ou unha ocultación inexplicables.

Por desgraza, isto é tamén moi notable en Galicia, entre a nosa intelectualidade. E digo «por desgraza» porque Unamuno reflexionou con lucidez sobre as nosas virtudes e defectos e, tamén, sobre as nosas singularidades. El soubo ver as paisaxes «de gozosa placidez» que habitamos e albiscou as saudades que nos tunden cando ficamos lonxe.

O escritor e filósofo vasco interrogouse sobre nós desde unha observación profunda e directa, porque quería saber máis e porque rexeitaba as afirmacións lixeiras e estúpidas que oía. Preguntábase se o noso ser enigmático e misterioso non o explicaría a vellice da terra e certa pesadume dunha civilización morta e enterrada que levariamos na alma e da que espertariamos un día.

Porque el tiña claro que os galegos eramos, entre todos os españois, os que tiñamos «máis desenrolado o sentimento da liberdade e a dignidade interiores». E falaba da nosa «fermosísima terra e dos seus honradísimos, nobilísimos e laboriosísimos galegos», seguro de que non había «nada máis rumboso, nin menos avaro, nin máis alegre, que un galego da aldea».

Figuróuselle á primeira vista que Galicia era unha terra xuvenil, vestida de verdura e envolta en frescor, pero axiña comprendeu que en realidade era «unha terra vella ou madura e adulta, se se quere». E revolveuse contra toda a literatura cruel e desprezativa que lle dedicaran entre séculos XVII e XIX (Góngora, Gonzalo de Correas, Gómez de Avellaneda e un longo etcétera). Xa a comezos do XX foise impoñendo unha visión reivindicadora que culpa do inxusto atraso de Galicia ás «políticas que a exclúen». Nesta liña militaba o rexo Unamuno, un pensador de ollada limpa. Non debemos permitirnos o escuro luxo de esquecelo.