Galicia conmemora a morte de Pondal, o bardo que deixou «unha lingua de ouro»

Xosé Ameixeiras
X. Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

CULTURA

AVRILLON

O vindeiro mércores cumpriranse os cen anos da desaparición do autor do himno

05 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Anque humilde non nacín, humilde repousar quero». Eduardo María González-Pondal e Abente (8 de febreiro de 1835-8 de marzo de 1917) pediu que o enterrasen en Ponteceso cun «sayal de Franciscano» e, se non podía ser na súa vila natal, engadía: «Sepultádeme na Coruña, nesta garrida cibdade, que mil belezas aducín». O vindeiro mércores cumpriranse cen anos da morte do autor do himno galego e un dos piares básicos da renovación da lingua literaria. «Déstesme unha lingua de ferro, eu devolvos unha lingua de ouro». Manuel Ferreiro Fernández, catedrático da Universidade da Coruña especializado na obra do bardo bergantiñán, cualifica a Eduardo Pondal como «un dos pais da patria». Un autor é clásico, di, cando «as súas palabras valían para os seus contemporáneos, pero valen tamén para nós, pasen os anos que pasen». Neste senso, Ferreiro Fernández apunta que a mensaxe pondaliana de que Galicia «está nunha situación de abandono e desprezo e hai que levantarse e loitar pola súa recuperación é perfectamente actual».

Antón Vilar Ponte escribía o 9 de marzo de 1917 en La Voz de Galicia a crónica da morte do autor, «el hombre de las estrofas semejantes a puños crispados» que, ao mesmo tempo, se consagrou «al celtismo ascético».

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, quere destacar a importancia do Pondal máis novo, un dos protagonistas do Banquete de Conxo, o 2 de marzo de 1856. Segundo comenta, conviña poñer o acento no Pondal «loitador polas liberdades democráticas». Aquel foi, ao seu parecer, un acontecemento aínda non ben estudado, «o primeiro das súas características en España». Alonso Montero di que hai que destacar esa fase xuvenil do autor «na que está comprometido a fondo coas ideas democráticas, que sen ser revolucionarias, son moi avanzadas para a época». Quere deixar claro o presidente da RAG que «no Banquete de Conxo ninguén emite signos galeguistas, pero emite signos democráticos». Ao mesmo tempo considera que «facer o que fixeron eses tres rapaces, entre eles Pondal, é unha cousa da que temos que sentirnos orgullosos e aprender». Alí, o bardo de Ponteceso leu o poema Brindis, sobre a igualdade dos homes. Houbo de custarlle a deportación ás illas Marianas e mais a excomuñón. O profesor Juan Féliz Neira achou unha carta na que o poeta solicita ao arcebispado a absolución porque o seu párroco non lla podía dar.

Ramón Villares -presidente do Consello da Cultura Galega-, ademais de reiterar que Pondal é dos grandes do Rexurdimento, sostén que «foi quizais o que mellor interpretou o paradigma celtista acuñado por Murguía». Tamén pensa que o bardo «buscou non só un pasado mítico para Galicia, senón que fixo unha obra poética moi clásica e ao mesmo tempo moi moderna».

Escribía José Antonio Parga Sanjurjo en La Voz, nunha crítica a Queixumes do pinos, obra cume do autor, que Pondal «es un hombre consagrado por entero a Galicia, que vive por y para ella». É máis, dicía do bardo que «ama a su antigua Suevia con el entusiasmo que sentía el troyano al defender los muros de su Ilión querida». Así tamén pensa Manuel Ferreiro: «Somos o que somos porque houbo persoas coma eles que entregaron a súa vida por nós». Nesta liña, Vilar Ponte afirmaba que «Pondal nació póstumo, como Nietzsche».

A fundación de Ponteceso fai cen actos para o centenario

A Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, entidade creada hai a penas unha ducia de anos (2005), preparou cen actos para conmemorar o centenario da morte do bardo, un ambicioso programa no que van colaborar diversas institucións públicas e privadas. Na vella reitoral de Cospindo, onde apareceu a acta bautismal do autor, celebrarase o vindeiro domingo o acto central dos festexos, con pronunciamentos solemnes das autoridades presentes e unha mostra do intenso labor que a entidade desenvolve ao longo do ano. De feito, dende principios do 2017, xa se veñen celebrando covas célticas, presentación de libros e proxectos musicais, encontros escolares e a participación en diversas actividades relacionadas cos outros autores do Rexurdimento, Rosalía de Castro e Curros Enríquez. Co cupón do día 9 a Once recordará a efeméride. Están previstas tamén a publicación dunha escolma poética pondaliana, a cargo de Manuel Ferreiro, e moitas outras iniciativas. Xosé María Varela, xerente da entidade, subliñou que o centenario «é unha conmemoración especial que vai supor a consolidación de determinados proxectos e darlle moita máis visibilidade á figura do autor, á súa obra e á propia fundación para enfrontar novos retos».

Ramón Villares tamén cre que esta festa «ten que contribuír a popularizar un pouco máis a Pondal, para situalo dentro da tradición culta galega, na dimensión de creador de espazos poéticos e míticos». Pensa, ao mesmo tempo, que os centenarios «deben servir para lernos a nós mesmos, non só ao autor».

Manuel Ferreiro lembra que a efeméride «pode valer para que os textos de Pondal cheguen á poboación galega e aos centros de ensino» e que, así, el «volva ser entre lido e recoñecido como un dos nosos pais da patria».

A partir da morte de Rosalía de Castro converteuse en escritor monolingüe

Pondal, como ten dito o patrón da fundación Luis Giadás, deixou unha inxente obra froito dun home errabundo, amante da bioloxía, egoísta, filólogo, misántropo e misóxino, erudito e bibliófilo empedernido. Ferreiro cre que algunha destas condicións atribuídas eran froito da súa orixe en certo xeito aristocrática. Ferreiro é o gran recuperador na edición da obra pondaliana: Queixumes dos pinos (1995), Poemas manuscritos (2001) e Os Eoas (2005). Lembra que o escritor de Ponteceso empeza a intensificar o uso do galego a partires de 1863, cando sae Cantares gallegos, de Rosalía. Cando ela morre, Pondal convértese en «unilingüe». Non volve publicar poemas en español. En 1886, a Biblioteca Gallega editou Queixumes do pinos, o segundo número da colección despois de Los precursores, de Murguía.

O pasamento do poeta e un enterro multitudinario conmocionaron a cidade da Coruña

A morte de Eduardo Pondal causou unha profunda conmoción na cidade da Coruña. As Irmandades da Fala formaron un grupo na comitiva, levaban a bandeira galega e cantaron o himno. Para iso quedaran ás catro e media da tarde na Real Academia Galega. Xunto coa Xuventude Democrática organizaron unha «gran velada necrológica», á que foron invitados «todos los elementos de dignificación de Galicia».

A Real Academia Galega enloitou os balcóns e celebrou unha sesión extraordinaria presidida por Manuel Murguía. A entidade acordou asistir ao enterro en corporación e solicitar ao Concello a cesión «de una sepultura para los restos del bardo».

O alcalde da cidade invitaba ao comercio local a que pechase os establecementos ao paso da comitiva fúnebre. Manuel Murguía, «el único de los precursores superviviente, habla del que acaba de morir» en La Voz: «Pondal fue, es y será tan solo un poeta. Ninguno pudo como él, en nuestro país, realizar el sueño de una vida consagrada al noble y desinteresado cultivo de las bellas letras». A despedida do bardo foi multitudinaria. Un magno adeus ao «poeta por completo al servicio de la patria gallega», segundo Murguía.