O voto de Kovalski

CULTURA

10 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras a vitoria de Donald Trump nas eleccións estadounidenses, volvín ver o filme Gran Torino de Clint Eastwood. Quería saber se o vello protagonista Walt Kovalski, de orixe polaca, podía ser hoxe un votante de Trump… despois de ter traballado media vida na empresa Ford, en Detroit, unha cidade logo esnaquizada pola crise, tras a vitoriosa competencia dos coches xaponeses e europeos, máis pequenos e baratos.

A miña conclusión foi moi elemental. Un tipo como Kovalski, que loitara na guerra de Corea e que cría nos valores dignificantes do traballo honrado nun país libre, non podía entender a decadencia das empresas e dos valores cívicos do mundo en que vivía. Por iso este home, de 75 anos, cun fillo que traballaba para unha automobilística xaponesa, non podía asumir un cambio que era, á vez, xeracional e social, nun barrio habitado por inmigrantes da etnia hmong, que apoiaran a EE.UU. na guerra de Vietnam. Parecía razoable que este home votase a un político contrario aos emigrantes que non paraban de chegar a Estados Unidos.

Mais, se se mira ben a película, sen botarlle enriba lixo ideolóxico, resulta que é todo o contrario. Ata o punto de que, sendo case seguro que Clint Eastwood votara a Trump, paradoxalmente é tan seguro que o seu personaxe non o faría nunca. Porque o máis grande de Kovalski son os seus principios como persoa, que o levan a protagonizar unha acción final suicidamente xenerosa para salvar a un rapaz hmong acosado por unha banda de delincuentes da súa propia etnia. Parece impensable que un vello coma el puidese ser á vez o protagonista desa xesta heroica e un votante de Trump. Se algo estivo claro nas pasadas eleccións americanas é que o actual presidente non convocou a homes desta estirpe para que o votasen. Os homes coma Kovalski ás veces nin votan, pero, cando o fan, buscan a un tipo honrado que non ameace a ninguén. Por iso agora aínda me gusta máis o protagonista de Gran Torino, quen, vendo cómo se deteriora o seu entorno, non se suma ao bando dos abusóns retrógrados senón que permanece sempre no dos homes libres, valentes e xenerosos. ¿Que pode ter que ver este home con Trump? Nada, creo.