Xerais principia unha colección de divulgación científica

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN A. SOLER

Os tres títulos iniciais son de Mariño, Soutullo e Labranha

15 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cunha intención normalizadora e de divulgar a cultura científica galega, a editorial Xerais puxo en marcha a colección Básicos Ciencia, que xa ten os seus tres primeiros títulos. «É un reto para a editorial e para a comunidade científica galega», asegurou o director de Xerais, Manuel Bragado, engadindo que a intención é publicar dous ou tres libros cada ano destinados a «lectores curiosos» e tamén as bibliotecas públicas galegas e aos dos centros de ensino secundario.

Historia do ADN, de Daniel Soutoullo; O universo matemático, de Antom Labranha; e Terra, de Xurxo Mariño, son os tres libros que abren a colección, contando cunha tirada inicial que oscila entre os 600 e os 1.500 exemplares. Para os próximos anos xa hai un plan de edición, no que se abordarán temas como a astronomía, a cultura tecnolóxica ou os tempos do clima en Galicia. O director da colección, Miguel Vázquez Freire, explicou que a razón de ser desta iniciativa ten varios fundamentos. Entre eles están o de refutar o tópico estendido fai anos de que o galego non era unha lingua axeitada para a divulgación científica, así como o de acabar coa falta de libros de coñecemento nesta lingua. Nestas publicacións conxugarase o rigor cun estilo que provoque que o lector queira seguir lendo. «A colección ten a vocación de ampliarse no ámbito das humanidades e que tamén se acerque ás primeiras idades», engadiu no acto de presentación da colección e dos seus primeiros títulos na librería Couceiro de Santiago.

Coñecementos claves

Terra, de Xurxo Mariño, é un libro de viaxes arredor do mundo convertido nunha aventura de divulgación científica, mesturando historia, antropoloxía e ciencia. «Os coñecementos da ciencia son necesarios para actuar como cidadán», lembrou o autor, poñendo como exemplo as vacinas. No seu libro, coa viaxe como fío condutor, analiza cuestión como a formación dos arrecifes do coral, a situación dos desertos ou a cor azul dos glaciares.

Pola súa banda, Daniel Soutullo aborda os principais acontecementos na historia do ADN, desde o seu descubrimento, no século XIX, ata as investigacións máis recentes. Historia do ADN está distribuído en dezaseis capítulos, os últimos tres analizando os problemas bioéticos. «A xente ten un coñecemento superficial e falso do ADN», asegurou o autor, quen defende a necesidade da divulgación científica, pero sen ser simplista.

Antom Labranha, pola súa banda, é o autor de O universo matemático, no que reivindica a presenza das matemáticas na vida diaria. No libro fai un percorrido por un amplo abanico de contidos matemáticos seleccionados a partir dos currículos do Bacharelato, intentando poñer de manifesto cales son os seus fundamentos ou os procesos que conduciron á súa creación.

O director Xerais, Manuel Bragado, agradeceu aos científicos nos diferentes eidos que asumiran o reto de participar nesta colección de divulgación en galego.