O escritor José Alberte Corral Iglesias doa á RAG a súa biblioteca, con 6.000 obras

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

RAG

A Academia pasará a custodiar «unha das bibliotecas marxistas máis importantes que hai en Galicia», segundo Alonso Montero

17 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Aquela biblioteca inicial queimáronma cando o golpe de estado de Chile». Isto recordaba onte José Alberte Corral Iglesias, escritor e presidente da agrupación cultural O Facho. Falaba na Real Academia Galega, institución á que vén de legar os seis mil volumes que compoñen a que é agora a súa biblioteca persoal. Falando daquela que perdeu no exilio, despois de fuxir e refuxiarse escapando da represión franquista, lembrou que entre as páxinas destruídas polo lume figuraban primeiras edicións de autores que hoxe son clásicos galegos e en aquel momento lle acababa de enviar o seu pai nun baúl.

Corral Iglesias estivo acompañado da súa dona, Dores Valcárcel Guitián, e do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. En canto que a operación farase efectiva despois do seu pasamento, Corral Iglesias fixo entrega simbólica dunha pequena mostra da doazón na que se inclúe o álbum de Xaime Quessada Imaxen surreal de Galicia (1977).

O presidente da Academia agradeceu a decisión do doador e salientou que coa futura entrega dos seus libros a RAG pasará a custodiar «unha das bibliotecas marxistas máis importantes que hai en Galicia», anotou un Alonso Montero que en moitas ocasións tense definido a si mesmo como «un vello marxista».

Pola súa banda, José Alberte Corral xustificou a escolla da RAG para facer esta doazón na defensa que a institución fai da lingua e da cultura galegas, así como pola importancia que esta entidade tivo para el desde moi novo precisamente por ese motivo. «Para min a Real Academia Galega é unha institución de referencia desde a adolescencia, foi crucial para a toma de conciencia cívica dos galegos […]. Con esta doazón quero contribuír á base do estudo e a investigación de cara ao futuro», profundou.

Os seis mil volumes que pasará a custodiar a Academia despois do pasamento de Corral son os que foi mercando despois de perder todas a obras que tiña en Chile. Entre os contidos do legado figuran algunhas edicións históricas de obras de Eduardo Blanco Amor ou Ramón Otero Pedrayo que conseguiu de regreso a Galicia en tendas de vello. Pero o que máis abonda son os títulos de ensaio e de literatura latinoamericana adquiridos durante os anos que viviu en Arxentina e Venezuela, con numerosos exemplares difíciles de atopar a esta beira do océano e non reeditados desde hai tempo.